NOTICIAS A LIMIA | O Larouco abre unha porta ás estrelas

FOTO: José Izquierdo.
FOTO: José Izquierdo.
FOTO: José Izquierdo.
FOTO: José Izquierdo.

Organizado por un grupo de veciñas e veciños ligados ao parapente e outras actividades de ocio en Baltar, e como proba piloto para descubrir novas potencialidades no uso do Larouco, celebrouse o pasado venres unha noite de observación astronómica desde a cima do monte.

O fotógrafo José Izquierdo foi un dos que puido asistir ao evento, reservado a apenas dúas ducias de persoas nesta primeira experiencia. Izquierdo cedeu ao Diario do Limia a publicación de catro fotografías que tomou esa noite, coa cámara fixa e a unha moi baixa velocidade de obturación para captar toda esa luz do ceo que o ollo humano a simple vista no percibe.

“É un ceo marabilloso. E hai que protexelo”, di Ricardo Lago, do Centro Astronómico de Trevinca, o guía da xornada. “Miramos Xúpiter, Saturno e a galaxia de Andrómeda desde o Larouco... e despois estivemos esperando uns minutos para ver tamén a saída da lúa e mirar os cráteres a través do telescopio”

Foi unha xornada de tres horas, cunha primeira parte na cima do Larouco na que se ofreceu unha charla sobre as constelacións e como orientarse nas estrelas na cima. Despois, no camiño, un pouco máis abaixo, instalouse o telescopio. “O ceo é estupendo, magoa de que algunhas aldeas teñan luces brancas, e non laranxa, para diminuír a contaminación lumínica. Mais, en calquera caso, comprobamos que o Larouco é un lugar idóneo para facer observación astronómica”, explica Lago.

Así que nos próximos meses a organización espera darlle continuidade á experiencia con novas xornadas. O Larouco, monte sagrado, tamén é unha porta as estrelas.