NOTICIAS A LIMIA | Porqueira acada a Bandeira Verde da Xunta, a segunda en Ourense

FOTOS: Noelia Caseiro.
A conselleira e a rexedora, izando a bandeira.
A nova bandeira verde de Porqueira xa ondea na aldea de San Lourenzo.
A vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia, Ánxeles Vázquez Mejuto.
A carpa instalouse a carón dos penedos de San Lourenzo, en Porqueira.
Ata o arco da vella quixo acudir ao acto de entrega das bandeiras verdes.
Ánxeles Vázquez e a alcaldesa do Concello de Porqueira, Susana Vázquez Dorado.
Ao acto acudiu tamén o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
O parlamentario autonómico limián, Carlos Gómez Salgado de Vedmar.
Veciños e veciñas do Concello de Porqueira, presentes tamén na entrega de bandeiras.

A Xunta reafirma o seu compromiso co fermosismo coa concesión da Bandeira Verde de Galicia a 18 concellos  e coa inclusión no proxecto de orzamentos do próximo ano dunha partida de 2 millóns de euros para a concesión de axudas para corrixir impactos paisaxísticos. Así o subliñou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de entrega destes distintivos que tivo lugar en San Lourenzo, no Concello de Porqueira, que este ano se suma tamén ao de Parada do Sil e obtén a súa bandeira verde.

Despois de lembrar que este distintivo ten por obxecto enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, a vicepresidenta segunda, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou que cada vez son máis os concellos que se suman a esta iniciativa. Se na súa primeira edición -2020- entregáronse 2 bandeiras verdes, este ano son 18 os municipios distinguidos, 3 máis que o pasado 2022.

Nesta ocasión, os concellos de Burela, A Illa de Arousa, Oleiros, Porqueira e Sanxenxo son galardoados por primeira vez e os de Alfoz, Cervo, Curtis, A Laracha, Moaña, Mondoñedo, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son, Ribeira e Sober revalidan este distintivo que outorga visibilidade a estes municipios como territorios responsables.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda animou a todos os municipios a presentarse a este galardón que pretende sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais están a facer polo futuro de Galicia, grazas a accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de maneira responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.