viernes. 26.04.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou que a partir de 2023, dous terzos dos compoñentes do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta traballarán todo o ano, polo que pasarán de estar contratados de nove meses a doce. Para eles, avánzase nun proceso para que se poidan converter en funcionarios públicos.

González fixo balance da campaña de incendios, que recentemente rematou na comunidade, e presentou varias medidas para facerlle fronte. A esta ampliación dos contratos súmaselle a duplicación das brigadas helitransportadas públicas da Xunta, creando tres novas que se unirán ás bases de Marroxo, Campiño e Vilarmaior.

Tras comprobar este verán a virulencia dalgúns lumes, o conselleiro sinalou que se vai crear un grupo con profesionais especializados na loita contra este tipo de incendios, o que permitirá acumular coñecemento e mellorar as accións a levar a cabo fronte a eles. González resaltou que apostan por un dispositivo contra incendios "público, versátil e, sobre todo, eficaz".  A profesionalidade dos equipos virá marcada "pola estabilidade no traballo" dos integrantes á par que se lles ofrecerá unha axeitada formación e preparación.

Balance de incendios

 

As condicións climatolóxicas extremas que perduraron ao longo de todo o verán foron un factor de importancia na evolución dos lumes. O dispositivo contra incendios loitou ante unha situación agravada non só polo cambio climático, senón tamén pola carga de biomasa no territorio e a intencionalidade que houbo detrás de moitos lumes.

González sinalou que entre xaneiro e outubro deste ano rexistráronse 1.609 lumes en Galicia, que afectaron unha superficie total de 51.643,3 hectáreas, das cales máis de 16.852 ha foron de superficie arborada. Porén, cómpre destacar o traballo dos equipos de extinción, que conseguiron que o 82 % deses 1.609 lumes quedaran en conatos e só 76 lumes superasen as 20 hectáreas de superficie.

O conselleiro fixo fincapé nun episodio inédito no norte peninsular acaecido no mes de xullo, denominado sistema convectivo de mesoescala. Isto desencadeou que na tarde noite do 14 de xullo, en Galicia se rexistraran máis de 6.000 raios que ocasionaron ata 52 lumes de xeito case simultáneo nun período de só catro horas. Entre ese día e o 18 de xullo houbo cinco grandes incendios, dun total de 140 rexistros, que queimaron máis de 35.000 hectáreas. En Ourense foron os iniciados en Carballeda de Valdeorras, o de Pradoalbar, en Vilariño de Conso; e os lumes de Rabal e Videferre, en Oímbra. O balance rematou coa análise da dez veces que se decretou a Situación 2 en cinco concellos pola proximidade das lapas ás zonas habitadas.

Medidas urxentes tras os incendios

 

A prioridade de Medio Rural a curto prazo foi reverter as consecuencias máis graves destes lumes, polo que a Xunta puxo a disposición das persoas afectadas polos lumes axudas directas por un importe total de 9 millóns de euros. Ademais, mantiveron xuntanzas cos alcaldes dos municipios afectados e das comunidades de montes para iniciar os traballos de recuperación das zonas queimadas. 

O labor da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) tamén foi loubada xa que, sen estar extinguidos os incendios, púxose a traballar sobre o terreo para determinar as posibles causas e causantes. Isto permitiu a detención de tres presuntos autores de ata 10 lumes rexistrados en Ourense e Lugo, incluída a presunta autora dos cinco lumes rexistrados en Verín no mes de agosto.

Medidas estruturais a curto prazo

 

Medio Rural destinará o vindeiro ano preto de 20 millóns de euros en melloras de infraestruturas, destacando a creación de tres bases de unidades operativas nos concellos de Muíños, Rianxo e Mondoñedo, e a reforma integral de máis dunha decena de bases espalladas polo territorio. A iso súmase a finalización das obras da nave de Verín, que albergará a nova sede do distrito forestal XIV Verín-Viana.

O conselleiro tamén destacou o investimento que se levará a cabo para mellorar as instalacións de diversas bases aéreas, reformando a de San Xoán de Río (Ourense) e creando unha nova en Lalín. A maiores, lembrou que o pasado venres someteuse a trámite de información pública o proxecto de construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza -no marco do proxecto Interlumes- que se situará entre os municipios de Verín e Oímbra. Por último, trasladou que se seguirá avanzando na primeira fase do Centro integral de loita contra o lume de Toén, coa renovación do primeiro dos edificios do complexo para convertelo nunha aula de formación e centro administrativo.

A este orzamento, concretou José González, súmanse outros 10 millóns de euros para renovar o parque móbil do Servizo de prevención e extinción de incendios, coa adquisición de 18 vehículos motobombas lixeiros e pesados, a renovación de case 140 vehículos para as brigadas de seis meses e a compra de 20 equipos Batracio, que consiste nun tractor con rozadoira para tarefas de prevención e unha cisterna de gran capacidade para os traballos de extinción.

Galicia contratará durante todo o ano a dous terzos dos membros do servizo antiincendios