martes. 08.10.2024

Esta pasada fin de semana, en celebración do Día das Aves Migratorias, a Sociedade Galega de Historia Natural levou a cabo na Limia unha xornada de actuacións a prol da conservación e mantemento do ecosistema de aves, acompañadas por unha sesión de observación e análise das mesmas.

A primeira das accións realizouse no Concello de Trasmiras, concretamente nun terreo da parroquia de Vilaseca, propiedade actual da sociedade. A localización forma parte dun proxecto de recuperación das zonas de habitabilidade para aves dentro do territorio galego. Durante a xuntanza, membros da agrupación e voluntarios da comarca executaron unha serie de traballos de limpeza e desbroce na zona, co obxectivo de conservar o seu estado de veiga e facilitar a aniñación e cría do paxaro avefría, ou como se coñece en Galicia, a "choromica". Tamén se procedeu á eliminación de diversos brotes e obstáculos co fin de dotar dun espazo acorde ao desenvolvemento doutras aves e plantas en perigo de extinción.

A maiores, a xornada contou cunha sesión de observación de aves nas areeiras do Concello de Sandiás. Durante a actividade puidéronse avistar, entre outros, garzas reais ou zampullíns comúns. Actualmente, a maior parte de paxaros encóntranse nun momento migratorio, polo que existe unha cantidade de aves adultas dispersas pola comarca. A medida que se aproxime o inverno, o número de exemplares procedentes de diversos puntos de Europa aumentará por mor dos movementos migrantes.

A Sociedade Galega de Historia natural está a desenvolver unha serie de actuacións que teñen como obxectivo cubrir as necesidades das aves e así poder preservar número total das mesas e as diferentes variedades de especies. A entidade resalta tamén a súa preocupación ante a situación actual que están a padecer moitos paxaros, pois a cantidade detectada deles - a nivel mundial- está en declive. Por exemplo, comeza a rexistrarse unha notable caída na poboación de insectos, o que repercute tamén no número das aves, as cales non dispoñen de tanto alimento coma antes. No territorio da Limia inflúe notablemente o papel que está a xogar a agricultura intensiva, acompañada do uso de pesticidas, fertilizantes e outros axentes que contribúen á contaminación do ambiente e á destrucción dos ecosistemas.

NOTICIAS A LIMIA | A Sociedade Galega de Historia Natural contribúe á conservación de...