domingo. 28.04.2024

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a tomar medidas para compensar a ínfima colleita de cereal prevista para este ano na comarca da Limia. Tras un inverno no que os agricultores da zona apenas puideron sementar debido á meteoroloxía, a choiva está a impedir tamén a sementeira de primavera.

Sen posibilidade de acceder sequera ás parcelas, anegadas, o nivel de preocupación entre os agricultores dunha zona moi dependente deste cultivo é elevadísimo: tanto polas perdas económicas que a situación pode supoñerlles neste ano como polas repercusións no que ten que ver coa PAC e a posibilidade de cumprir cos requerimentos dos Eco-Reximes.

Unións Agrarias ve necesario que a Xunta de Galicia se implique para buscar solucións que palíen a nefasta campaña de cereal da comarca da Limia; motivo polo cal a organización xa ten solicitado unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural. As perdas previstas son elevadas e de gran importancia para unha zona que, alén da pataca, ten máis de 10.300 hectáreas dedicadas á plantación de cereais de gran, cultivos forraxeiros e leguminosas.

Medidas urxentes

A organización agraria considera indispensable que as administracións actúen e eviten a dobre penalización económica que suporía para os agricultores da Limia non poder acceder aos fondos vinculados ao cumprimento das directrices da Política Agraria Comunitaria. Tamén, solicita a aprobación dunha liña de axudas directas que permita compensar o desplome da produción provocado pola choiva nesta campaña.

auga limia-23
As choivas diste ano manteñen as parcelas asolagadas, impedindo traballar nelas.

As condicións dos seguros agrarios existentes para cultivo de cereal fan que, na Limia, o nivel de cobertura sexa practicamente nulo. E é que, cunhas pólizas deseñadas de acordo aos rendementos medios de zonas de secano como Castela e que deben ser actualizadas con urxencia, os agricultores galegos desisten de recorrer a uns seguros que non lles aportan garantías, pois deixan fóra máis do 80% da súa produción.

NOTICIAS A LIMIA | Unións Agrarias pídelle á Xunta medidas para compensar a mala...