miércoles. 06.11.2024

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) fixo pública hoxe a súa demanda á Consellería do Medio Rural de axudas directas ás producións en regadío polos custes da enerxía. 


“Ante a actual escalada dos custes da enerxía provocados pola guerra de Ucraína, distintas Administracións Autonómicas están concedendo axudas ós custes de rego de diversos cultivos”, advirte Adegal, e solicita “unha axuda directa ós titulares de explotacións agrícolas por importe de 250 € por hectárea de cultivo de pataca para paliar así os sobrecustes da enerxía”.


A demanda xustifícase nas axudas que están recibindo noutras comunidades os cultivos. “Así, Castela e León concede 250 euros por hectárea ás superficies de pataca e remolacha, tomando como referencia as declaracións únicas da PAC, ó igual que o País Vasco. En ambos casos, as axudas non terán que solicitarse, se non que se concederán de oficio”, sostén Adegal. 

E lembra que neste ano, as comunidades de regantes da Limia “pasaron a multiplicar por tres a factura da electricidade, atravesando serias dificultades para facerlle fronte, e por outra banda, os agricultores que traballaron con gasóleo, encareceron máis do dobre os custes de rego que a campaña do ano anterior”.

“Estas axudas son de vital importancia no sector da pataca, punteiro na Limia, pero sen prexuízo de ampliarse a todos os cultivos en regadío”, conclúe a asociación.

NOTICIAS A LIMIA | Adegal pide á Xunta axudas directas á pataca polos custes da enerxía