martes. 10.12.2024

Os equipos especiais de vacinación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, intensifican nestas xornadas a vacinación dos 5.800 usuarios e usuarias das 157 residencias sociosanitarias da provincia, para retomar este venres a campaña fronte á covid e a gripe nos grandes recintos. Os primeiros citados serán os maiores de 85 anos, colectivo que na provincia ascende a 16.989 persoas.

Os centros de vacinación son, como nas etapas anteriores, os hospitais públicos de Valdeorras e Verín, para os seus respectivos distritos. O resto da poboación -incluida a da comarca da Limia- será citada no Hospital Universitario de Ourense, onde comeza o venres e se manterá ata o domingo, para trasladarse a Expourense o vindeiro luns. Esta alternancia de venres a domingos e de luns a xoves entre ambos centros rematará o venres 28, no que a vacinación manterase xa no pazo de exposicións.

O desenvolvemento da campaña nos grandes recintos permitirá vacinar a un gran volume de persoas, acurtando os tempos, agora que existe unha dispoñibilidade de vacinas. Os coordinadores da campaña prevén rematar esta fase o 15 de novembro, protexendo así a poboación máis vulnerable, de 60 ou máis anos, antes da chegada da epidemia da gripe ou dun aumento de casos covid.

Os primeiros convocados serán os maiores de 85 anos, 1.457 no distrito de Valdeorras, 1.571 no de Verín e 13.961 no de Ourense.Todos eles terán a oportunidade de recibir a vacina da gripe no mesmo momento. Segundo avance esta poboación diana, tamén se iniciará a doble vacinación, de recordo e da gripe dos profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios, prevista para os días 28, 29 e 30 de outubro.

Vacina fronte á gripe

Por outra banda, a campaña de vacinación antigripal 2022, que comeza o vindeiro luns e rematará o 31 de decembro, márcase como poboación diana ás persoas de 60 ou máis anos, especialmente aqueles que superen os 65, ou as persoas que convivan en institucións pechadas, como é o caso das residencias de persoas maiores e outros centros de atención á discapacidade.

Neste caso son tamén poboación diana os nenos de 6 a 59 meses, feito este que se produce por primeira vez en España. Inclúense como prioritarias as persoas de menos de 60 anos que teñen un maior risco de complicacións derivadas da gripe e aqueles que lles poden transmitir a infección a outros de alto risco, como é o caso de persoal de centros sanitarios, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos discapacitados, entre outros.

A poboación diana tamén contempla ás persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e a aqueles empregados expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e, tamén, ás aves silvestres.

As vacinas dispoñibles para esta campaña son, unha con alta carga tetravalente, que é a que se porá ás persoas de 85 ou máis anos e aos maiores de 60 de residencias; e outra vacina tetravalente para as persoas de 6 meses a 84 anos.

NOTICIAS A LIMIA | Os maiores de 85 comezan a vacinación da cuarta dose da covid o venres