sábado. 05.10.2024

Este martes 30 de agosto foi o día sinalado para o comezo do curso político na Limia. E como esta semana todos os focos se centrarán no sector agrario pola celebración de ALIMAGRO, a Xunta elixiu facerse presente promocionando unha infraestrutura aínda en fase de construción e na que o financiamento autonómico é a parte máis pequena. Unha hora antes de que o goberno municipal, capitaneado provisionalmente por Amador Díaz (tamén presidente da asociación de pataqueiros da comarca), presentase o programa oficial da Feira da pataca e da maquinaria agrícola, Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), anunciaba no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo a creación dunha Oficina do Regadío.


A nota de prensa emitida por Medio Rural informa de que “poderán achegarse á oficina a entregar documentación os propietarios de predios xa adheridos ao regadío”, así como “os que non se incorporasen ao regadío no seu momento pero aos que lles gustaría adherirse cando estea ampliado”. E, tamén, “en xeral, os que estean de acordo coa posta en marcha de polígonos agroforestais que facilitarán a execución das obras de ampliación”. A información da consellería non precisa cando se porá en marcha este servizo. 

Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dixo que xa están executados “máis dun terzo” dos novos pozos de sondaxe de auga proxectados.

Acompañaron a Santé, segundo a nota de prensa, os presidentes das comunidades de regantes de Lamas Ganade, San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia (o propio Amador Díaz, neste último caso). A directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia “inviste preto de 4 millóns de euros nestes traballos de mellora e modernización do regadío” e dixo que xa están executados “máis dun terzo” dos novos pozos de sondaxe de auga proxectados.

Medio Rural explica no seu comunicado que “as actuacións enmárcanse no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta (4 millóns) e o Estado (32 millóns) á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego”. Tamén salienta o comunicado que “entre o ano pasado e este a Consellería do Medio Rural, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, destinou máis de 600.000 euros para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia”. 

O denominado PEL (Plan Estratéxico da Limia) aínda non se coñece, malia a reiterada demanda de información por parte da oposición nacionalista ao goberno da Xunta no Parlamento galego. 

NOTICIAS XINZO | Na semana da pataca, a Xunta anuncia unha Oficina do Regadío