Este venres e sábado, a comarca da Limia, gozará dunha enorme variedade de propostas culturais para desfrutar do tempo libre. Haberá concertos, presentacións de libros, unha entrega de premios, conferencias, e mesmo unha xornada micolóxica. Os territorios protagonistas destas actividades serán o Concello de Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Vilar de Barrio e Sarreaus.
Venres día 19:
-ROTEIRO MICOLÓXICO: As actividades do venres iniciaranse xa ás 16:30 horas da tarde en Vilar de Barrio; o concello, a Deputación de Ourense e a cooperativa Xeitura ofrecerán un roteiro micolóxico polo entorno do Monte Castelo, lugar do xacemento arqueolóxico de Castro Castelo de Bóveda.
O punto de partida será no Mirador de A Chaira, -na parroquia de Bóveda-, dende o cal dará comezo un percorrido duns 3 ou 4 kilómetros no que se observarán diferentes tipos de cogomelos da zona. Para apuntarse haberá que realizar unha reserva chamando ao 672 05 93 20.
-PRESENTACIÓN LITERARIA: Cara ás 20:00 horas da noite, na Casa da Cultura de Xinzo, levarase a cabo a presentación do libro "O Entroido de Xinzo de Limia", obra do autor limiá, Edelmiro Martínez Cerredelo. O evento está organizado polo Concello de Xinzo de Limia e a Asociación A Pantalla, a cal porá a disposición do público asistente a posibilidade de mercar exemplares do libro durante a sesión.
Ademais do propio autor, a alcaldesa e o concelleiro de Cultura, á xornada estarán convidados os escritores limiáns, Federico Cocho e Antón Riveiro Coello, os cales realizarán unha breve intervención. Tamén haberá unha serie de sorpresas con actuacións musicais. A entrada será libre ata completar aforo.
-CONCERTO: En Vilar de Santos, ás 21:30 horas, dará comezo o programa de concertos musicais “Música en Salas" na Arca da Noe. Unha inciativa que ten coma obxectivo impulsar a recuperación das actividades nos locais de música ao vivo en toda a comunidade galega. No caso da taberna e sala de concertos limiá, ofreceranse oito concertos dende este venres 19 de novembro ata o 17 de decembro. Na maior parte dos espectáculos predominarán os sons tradicionais.
Belém Tajes Trío, formación liderada pola ex - vocalista de Luar na Lubre, iniciará o programa acompañada por Cibrán Seixo -ao violín- e por Nico Vieites -á guitarra- . No concerto fará un percorrido musical polas súas orixes galegas e arxentinas, arroupada por ritmos pop e folk.
Sábado día 20:
-ENTREGA DE PREMIOS: Sobre as 12:00 horas, na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos, procederase á entrega do Premio Pedra Alta -IV edición- á Asociación LIMISI. Un galardón en recoñecemento polo seu traballlo e axuda a persoas con discapacidade e diversidade funcional en toda a comarca da Limia.
O Premio Pedra Alta deste ano é unha réplica en granito da Pedra Alta do escultor Xosé Lois Carrera. O agasallo será outorgado aos membros da asociación xunto a un diploma acreditativo deseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez. A maiores, haberá actuacións musicais do pianista Luis Humberto Cao e do tenor, Baldomero Pavón. A celebración concluirá -previo pago- cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás.
-CONFERENCIAS: A asociación do Couto Mixtour organiza, a partir das 12:30 do mediodía, unha conferencia con dúas charlas e unha mesa redonda nas que se tratarán a historia da antiga rexión do Couto Mixto e diversas propostas para o paliamento do despoboamento rural. O lugar de reunión será no Couto Mixtour, situado na Rúa Os Pereiros, 2, en Meaus, Concello de Baltar.
A primeira das intervencións correrá a cargo de Cesáreo González, presidente da Asociación Veciñal do Couto Mixto; media hora despois será o turno do escritor e Xuíz de Horna do Couto Mixto, Antón Riveiro Coello. Ao rematar as dúas primeiras charlas, sobre as 14:00 horas, os asistentes á conferencia poderán desfrutar dun delicioso xantar no restaurante Chaves do Couto.
Finalmente, levarase a cabo unha mesa redonda aberta á participación de todos os convidados na que se debatirán diversas propostas para dar a coñecer a historia do Couto Mixto e para aumentar a poboación na zona. Para asistir ao programa deberase reservar praza chamando ao 696 62 39 60, ou escribindo ao correo de [email protected]. O prezo é de 25 euros por persoa.
-FESTIVAL DE BANDAS: Este sábado 20 ás 17:00 horas, A Agrupación Musical da Limia, dará fin ao seu programa de concertos “Novembro Musical”, tras ofrecer dúas sesións musicais o pasado día 13 e 6 deste mes. Esta última xuntanza musical será un Festival de Bandas de Música que se levará a cabo na Igrexa Nova do Concello de Xinzo de Limia. No evento convidarase a unha vella banda amiga da asociación, a Banda de Música de Tenorio, a cal realizará unha breve actuación antes da agrupación local. A entrada será de balde ata completar aforo.
-CONCERTO E PRESENTACIÓN LITERARIA: Sobre as 20:00 da noite, a Arca da Noe de Vilar de Santos, acollerá a presentación do libro “A evolução histórica dos limites da Galiza”. Unha obra do autor, José Manuel Barbosa, centrada no desenvolvemento territorial da comunidade galega ao longo dos tempos.
Despois da sesión, sobre as 21:30 horas, celebrarase a segunda actuación musical do programa de concertos “Música en Salas". O convidado desta sesión será o dúo Acordeireta, unha formación integrada por Patricia González -acordeón- e Alejandro Balbuena -pandeireta-. Tocarán un repertorio que promove a lingua e cultura galegas.