A Dirección Xeral de Política Financeira esixe ao goberno local un plan de tesoureira que aumente ingresos e reduza gastos

NOTICIAS A LIMIA | O Concello de Rairiz ten 3.000 facturas pendentes de pago

Nave do Concello de Rairiz de Veiga próxima á Saínza. | FOTOS: Noelia Caseiro.

“É un problema de mala xestión”, di o concelleiro da Agrupación de Electores de Rairiz de Veiga (AGER), Juan Francisco García, na oposición. O Concello de Rairiz de Veiga está baixo a ameaza de ser intervido, comentou no último pleno, o pasado día 6, Asunción Morgade (PP), a alcaldesa. A funcionaria que fai as veces de secretaria abriu a sesión explicando que a  Dirección Xeral de Política Financeira advirte ao goberno local de que está a incumprir o prazo de pago a provedores e esixe un plan de tesoureira.


“Como nós, hai moitos”, apuntou a alcaldesa diante do pleno. Mentres, a funcionaria indicaba que as facturas pendentes son “máis de 3.000”. O concelleiro da oposición pediu explicacións sobre a cantidade de facturas. “Algunhas son de 1 euro ou 3 euros, algúns puntos de luz”, respondeu a funcionaria.


O plan de tesourería significa subir impostos e reducir gastos, alén doutras medidas sobre a xestión de cobros e pagamentos. Así que a maioría (o PP ten 5 concelleiros) puxo sobre a mesa un acordo no que comprometerse a elaborar o plan para reducir o período de pago a provedores. Os concelleiros do PSOE (2) estaban ausentes. Por parte de AGER, Juan Francisco García votou en contra. Mais o seu compañeiro apoiou a moción do goberno xunto aos 4 concelleiros do PP presentes.


“Non se concretou máis. Aínda sabemos nada do plan, pero si que se insistiu moito en que había que subir o IBI, as taxas do lixo e o imposto de circulación. Mesmo insistiron en que hai moitos vehículos que se rexistran en Rairiz porque este último imposto é máis barato. Pero a min iso non me vale, o PP está dicindo todo o día que hai que baixar os impostos, e aquí, en Rairiz, que hai que subilos”, protesta o concelleiro de AGER.


García lembra que o concello xa prescindiu do axente de desenvolvemento rural e está en trámites para despedir tamén ao electricista. “Non vexo onde van reducir máis. Pero o que non é de recibo é que nun concello como este veñan por riba a nos subir os impostos”, insiste o concelleiro. E reitera que na súa opinión “o que acontece é culpa da mala xestión do goberno local”.

“Teño a sensación de que Asunción Morgade está falta de ideas para sacar o Concello adiante”, di Juan F. García.


O representante de AGER pon un exemplo de gasto superfluo, “o que eu lle chamo o noso aeroporto de Castellón” [aquel aeródromo que se rematou mais demorou tanto a súa inauguración que se converteu nun símbolo durante a crise económica posterior ao 2008]. O “aeroporto” é unha nave camiño da Veiga. “En teoría é unha nave para usos do Concello”, di García, “intentárona colocar primeiro na mesma Saínza, pero resultou que o terreo era comunal. Despois, o Concello comprou unha finca medio quilómetro máis abaixo. Hai unha estrutura. Pero leva así meses”.

Nave do Concello de Rairiz de Veiga por rematar.

Outro exemplo “da mala xestión”, sinala o concelleiro, é o Plan contra a seca. “O que nos trouxo a pleno é un plan presentado polo PSOE na Deputación. Non trouxo nada específico para Rairiz de Veiga. A realidade é que non fixo nada. Antes de agosto, non visitou ningún dos núcleos para preguntar pola auga. Foron as veciñas e veciños quen tiveron que vir á Casa do Concello a se queixar”.


“Teño a sensación de que Asunción Morgade está falta de ideas para sacar o Concello adiante. E agora por riba está o incumprimento de pago a provedores. Non sei se vai ser quen de pagar as facturas para evitar a intervención”, di García.


Finalmente, o pleno aprobou o acordo, “o compromiso firme de realizar medidas, subir impostos e reducir o gasto”, leu a administrativa que fixo as veces de secretaria. O compromiso concretarase nun plan que se incluirá nos orzamentos de 2022. “Se nos interveñen, cancelarán os fondos do Estado e da Xunta, pecharán a piscina e eliminarán o servizo de bus”, recoñeceu no pleno a alcaldesa. “Tedes outra idea?”, preguntou. E  Juan Francisco García respondeu: “Estades para facer algo, se outros o fan, vós tamén”.


O concelleiro, que asegura que as diferencias co seu compañeiro de candidatura xa veñen de hai anos, tamén levou ao pleno algunhas demandas veciñas: como a colocación de números en casas onde non está sinalizado; a limpeza da poza en Forxás; e os arranxos nas casas do grupo escolar onde o Concello é o arrendador.