miércoles. 08.05.2024

O vindeiro domingo 28 as comarcas da Limia e a Baixa Limia irán ás urnas co obxecto de elixir aos seus 16 alcaldes e alcaldesas, 11 na Limia e 5 na Baixa Limia. O escenario político preséntase moito máis imprevisible na comarca que ten a vila antelá por capital, que na de augas abaixo do río Limia, onde todo o peixe parece vendido. As grandes incógnitas ás que teremos que responder logo desta xornada electoral son: sufriu desgaste o PP históricamente hexemónico en ambas comarcas, logo de anos gobernando en moitos concellos, Deputación provincial e Xunta? É o Partido Socialista capaz de capitalizar ese desgaste e ademais é quen de capitalizar a súa experiencia de goberno na capital da Limia? E para rematar: É capaz o BNG de abrirse un oco nos concellos da Limia, no que desta vez aumentou o número de candidaturas presentadas?

Estes comicios presentan tamén un especial interese de cara a analizar que impacto ten o voto dos limiaos de ambas comarcas na elección do vindeiro presidente provincial. Boa parte dos concellos da Limia pertencen á zona electoral de Ourense, na que xunto coas comarcas de Ourense, Allariz-Maceda e Terras de Celanova, se elixen 15 dos 25 deputados provincias que compoñen a institución provincial, sendo esta quen elixirá ao vindeiro presidente ou presidenta da Deputación.

Partindo destas premisas, procedemos pois a analizar concello por concello, vendo quen son os candidatos e a que escenario se enfrontan. Comezamos pola capital da Limia. A vila de Xinzo contará desta con cinco candidaturas á alcaldía, dúas menos que nos pasados comicios, entre as ausencias contamos con Compromiso por Galicia que obtivera uns escasos 18 votos, Xinzo Adiante que nas pasadas elección obtivo unha acta de concelleiro na figura de Manuel Pérez Campos, tampouco está entre as forzas que concorre a estes comicios, aínda cando o pasado 22 de agosto declaraba para o Diario do Limia: “Traballarei para saír elixido de novo concelleiro”. Tampouco concorre a estes comicios Ciudadanos, que nas eleccións de 2019 foi capitaneado pola logo deputada provincial Montse Lama, inicialmente belixerante contra o PP, pero que acabou por tornar ao seu partido de procedencia concorrido nestes comicios como segunda nas listas do PP de Vilar de Barrio.

A vila de Xinzo contará desta con cinco candidaturas á alcaldía, dúas menos que nos pasados comicios

Fronte a estas tres candidaturas desaparecidas, estes comicios terán unha nova opción electoral, a de Edelmiro Rodríguez, o candidato de VOX que se presenta coa aspiración de lograr entrar no pleno municipal. Non concorre a estes comicios tampouco a candidatura de Democracia Ourensana, inicialmente anunciada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. En canto ao BNG este preséntase renovado cun novo candidato, Camilo Vila García, e unhas expectativas electorais á alza, non só en Xinzo. Os nacionalistas poderían acadar sen problemas a segunda acta e mesmo pular por participar no vindeiro goberno limiao. En canto a ÁXIL e o PSOE, resta por ver quen capitaliza os resultados destes anos de goberno e quen acusa o desgaste inherente á propia actividade de gobernar e decidir. Elvira Lama e Amador Díaz compiten por liderar o vindeiro goberno, e por aí parece decorrer este treito final da campaña. En canto ao PP, aposta por unha solución continuísta con Antonio Fernández Veiga á fronte dun PP que non conta co músculo electoral da etapa de Antonio Rodríguez e Isaac Vila, un PP ao que só lle serve a maioría absoluta ou o pacto con VOX, saídas que se presentan bastante improbables. En canto ao terreo dos pactos electorais e dos posibles alcaldes, semella que o balón está no teito de Elvira Lama ou Amador Díaz Penín.

Ao PP de Xinzo só lle serve a maioría absoluta ou o pacto con VOX, saídas que se presentan bastante improbables

Ao norte da capital antelá atópase outra das grandes incógnitas deste 28M, o concello de Rairiz de Veiga, onde se enfrontan dous ex-compañeiros de goberno e de partido. Dunha banda, a alcaldesa actual, Asunción Morgade, vitoriosa nos pasados comicios nas listas do PP, sucesora do exalcalde, primeiro nacionalista e logo popular, Xaquín Rodríguez Ambrosio, o mesmo que agora parece estar detrás da candidatura de Camilo Fernández Freire polo PP á alcaldía de Rairiz, concorrendo a alcaldesa como candidata independente nas listas do PSOE á alcaldía do concello limiao. Tamén conta con lista o BNG encabezada por Juan Antonio Rivero Abuín. E por último, repite candidatura a Agrupación de Electores de Rairiz de Veiga (AGER) con Juan Francisco García González como candidato. En conclusión, catro listas, unha máis que en 2019, entre as que poderán elixir 1.216 veiguenses, as incógnitas: será a alcaldesa capaz de revalidar a alcaldía sen o apoio do ex-alcalde e baixo a sigla socialista? Ou pola contra o PP preservará a alcaldía cun novo alcalde? Tamén convén estar atentos, para ver quen capitaliza o groso do voto crítico co anterior equipo de goberno, se son os membros de AGER, que nas pasadas eleccións xa foron segunda forza, ou é un BNG que está medrando en toda a comarca.

Se nos imos un chisco cara ao leste, non parece haber dúbidas en que o BNG capitalizará o caudal de votos que avalou a Xuntos por Vilar de Santos do alcalde Xoán Jardón nos pasados comicios, previamente candidato por CxG e anteriormente polo BNG. Jardón fora dos rexedores nacionalistas que abandonou o BNG logo da Asemblea de Amio en 2012 para facer parte de CxG, organización que abandonaría posteriormente. Antonio Míguez Nogueiras é o actual alcalde, avalado pola totalidade dos sete membros do pleno municipal, e agora candidato do BNG. En fronte terá a María Remedios Cid, candidata do PP, e a Ángel Folgoso, polo PSOE, ambos con poucas posibilidades de se converter nos primeiros edís do Concello de Vilar de Santos. A incógnita é se algún dos dous logra romper a unanimidade do pleno vilasantés e irrompe con representación, logo de que a saga Jardón deixe a alcaldía do concello máis pequeno en extensión da Limia.

A incógnita en Vilar de Santos é se o PP ou o PSOE lograrán romper a unanimidade do pleno vilasantés e irrompe con representación

E corresponde continuar co noso viaxe cara ao leste para ir até Sandiás, onde goberna o independente Felipe Traveso dende que en 2015 lle arrebatou a alcaldía a Concha Méndez Gándara, alcaldesa do PP dende 1979, primeiro coa UCD, logo con Coalición Galega, posteriormente cos Centristas de Galicia de José Luis Baltar, e finalmente co PP. Desta, o alcalde competirá con Sixto Traveso Santana, candidato do PP, e con Francisco Fernández Lorenzo. Os populares que agora contan con 2 de 9 concelleiros, aspiran a desbancar ao alcalde independente e sumar o concello limiao á súa nómina de municipios azuis, os socialistas aspiran a recuperar a representación.

Por último, o concello máis setentrional da Limia, Vilar de Barrio, fai parte da escasa nómina de concellos nacionalistas con Manuel Conde á súa fronte. O alcalde nacionalista goberna en minoría, sen lugar a dúbidas aspira a lograla. En fronte, a candidatura do PP está capitaneada por dous ex de Ciudadanos: Oscar Seguín, o candidato a alcalde, que nas pasadas eleccións foi o candidato de Cs no concello limiao, e Montse Lama, que agarda revalidar a súa acta de Deputada provincial lonxe de Xinzo, o seu concello, logo da tensión con algúns membros do PP na súa agrupación na capital da Limia. O PSOE tamén se presenta a estes comicios con José Benito Souto como candidato.

A candidatura do PP de Vilar de Barrio estará capitaneada por dous ex de Ciudadanos

No resto de concellos da Limia non haberá sobresaltos previsibles, todo apunta á continuidade de Gumersindo Lamas e a súa ampla maioría para o PP en Sarreaus, este terá que competir desta co PSOE e o BNG, con remotas posibilidades para ambos de lograr a alcaldía. O escenario en Porqueira parece favorable á popular Susana Vázquez Dorado, que a pesar de iniciar a súa vida política como concelleira socialista, rematou na alcaldía en 2003 da man do PP para evitar un goberno do BNG. Agora competirá nas urnas contra PSOE e BNG, desaparecendo a candidatura de Xuntos por Porqueira. Tamén todo apunta á continuidade en Trasmiras con Emilio Pazos Ojea ,do PP, que desta competirá con BNG e PSOE. Ademais, parece que se manterá a hexemonía de oito concelleiros conservadores fronte a un socialista do popular José Antonio Feijóo “Coisa” en Baltar, que destas tamén competirá cunha candidatura do BNG encabezada por Silvia Piñar Flores. Tanto o rexedor de Trasmiras como o de Baltar presumían da súa boa relación co goberno provincial hai poucas semanas, prometendo o acondicionamento de centros de interpretación, residencias para maiores e outros contributos da Deputación en ambos núcleos municipais.

En canto a Calvos de Randín, o feudo socialista da Limia, todo apunta a unha continuidade na alcaldía de Aquilino Valencia Salgado, que se enfronta a José Antonio Valencia do PP, acusando un certo desgaste do rexedor socialista, logo do malestar dalgúns veciños ante o novo parque eólico das Lamas de Feas e o mal estado da estrada OU-1110 que atravesa a zona sur do municipio. O rexedor socialista sumaría en caso de resultar electo de novo, un total de vinte anos a fronte do concello arraiano.

No tocante á Baixa Limia, todo apunta á continuidade do PP na alcaldía de Muiños con Placido Álvarez Dobaño, que se enfrontará só ao PSOE de José Luís Rodríguez Dobaño. Tamén ten posibilidades de recuncar na alcaldía de Lobios María del Carmen Yáñez, que se enfronta a unha lista renovada e rexuvenecida do PSOE con Iván Rouco como candidato, e a unha lista de Podemos capitaneada por Carlos Alberto Garrido. En canto a Entrimo, todo apunta á continuidade de Ramón Alonso do PSOE á fronte da alcaldía entrimense, que terá que competir co popular José Albino Bastos “Pucho”. En canto a Lobeira, o alcalde popular Antonio Iglesias ten moitas probabilidades de repetir mandato, competindo tan só co socialista Benito Alonso Rodríguez, que conta ampliar a representación dos socialistas no consistorio e, por último, no tocante a Bande, o máis probable é unha vitoria da popular Sandra Quintas que se enfronta ao socialista José Luis Álvarez. Destacar por último a incomparecencia do BNG nos cinco concellos da Baixa Limia que se vén a sumar á súa ausencia en Calvos de Randín, onde só competirán socialistas e populares. Esta comarca, incluído o concello randinense, sumará votos xunto con Verea, onde goberna o nacionalista José A. Valado, e os concellos populares de Pontedeva e Padrenda, para a zona electoral de Bande, que só elixe un deputado provincial na Deputación, que con toda seguridade será para o PP.

O BNG non presenta candidatura en ningún dos cinco concellos das Baixa Limia

En conclusión, o PP manterá o poder que ten na Limia con toda probabilidade, Baltar, Sarreaus, Trasmiras e Muíños serán para os azuis sen ningunha dúbida, con toda probabilidade repetirán na alcaldía de Trasmiras, Porqueira, Lobios, Lobeira e Bande e manteñen a esperanza de participar no goberno da capital da Limia, logrando a maioría absoluta pola mínima (o escenario máis improbable), sumando con VOX ou procurando un acordo con AXIL (opción esta última igualmente complicada). No eido do PSOE, este conta manter as alcaldías de Entrimo e Calvos de Randín e incorporar a de Rairiz de Veiga, aumentar a súa representación no pleno do resto de concellos e consolidarse como a primeira forza da oposición. No tocante ao BNG, ausente na Baixa Limia, conta medrar notablemente na capital da Limia, preservar a alcaldía de Vilar de Barrio, agora cunha maioría máis folgada, e incorporar a alcaldía de Vilar de Santos. Os nacionalistas tamén aspiran a ter máis peso e maior implantación a ambas beiras do río Miño. No eido dos partidos locais e independentes, estos poderían preservar a alcaldía de Sandiás (AGRELSAN) e pelexarán por lograr a de Rairiz de Veiga para AGER e a de Xinzo para ÁXIL.

ANÁLISE | Que pasará este 28M nas Terras do Limia?