lunes. 07.10.2024

“Na frutífera década dos anos 70, os seminarios ourensáns estaban cheos. O estudo das novas ideas teolóxicas, as reformas litúrxicas e a posta en marcha de ilusionantes proxectos pastorais, facilitan o nacemento de grupos por afinidade de pensamento, de espiritualidade e de amizade, como punto de partida dunha pastoral de conxunto”. Así describe José Ramón Hernández Figueiredo* o nacemento dos equipos de pastoral. Aqueles grupos de sacerdotes “que querendo dar respostas actualizadas ás novas situacións” construían un proxecto a realizar en común nunha comarca da diocese.

Naqueles anos, finais dos sesenta, principios dos setenta, houbo en Ourense cando menos cinco destes equipos: o de Ribadavia, o da Arnoia, o de Arzádegos (Vilardevós), o de Sas de Penelas (Castro Caldelas) e o de Entrimo. Deste último formou parte Manuel Fernández Vidal. A convivencia no Seminario unira a varios estudantes de Teoloxía e tres deles, Fernández Vidal, Manuel Blanco e Cesáreo Iglesias, solicitaron do Bispo Ángel Temiño a formación dun equipo pastoral. Debeu pensar o Bispo que os tres mozos aínda non tiñan experiencia dabondo e encomendou a Manuel Iglesias (irmán maior de Cesáreo) que os acompañase e coordinase aquel grupo. 

“Ao regreso das súas vacacións os tres autoestopistas, é dicir, os sacerdotes Manuel Vidal, Manuel Blanco e Cesáreo Iglesias, recibiron a noticia do propio Manuel Iglesias. Os clérigos mozos non saían do seu asombro (...) Dous días á semana, ás veces tres, convivía toda a mañá, empezando coa oración, seguindo co traballo de estudo e programación, concluíndo co xantar e a partida de cartas como sigo de ocio”, conta  José Ramón Hernández Figueiredo, biógrafo do coordinador daquel equipo.

Daquela época no seminario e en Entrimo, que foi o destino daquel equipo pastoral desde o 1 de setembro de 1967, víñalle a Manuel Fernández Vidal o gusto por botar a partida despois do xantar. Como conta Fernando, cura de Atás, onde non se moveu en cinco décadas,  Manuel Fernández era o seu compañeiro de tute nas partidas que xogaban cando cadraba reunión do Arcebispado de Xinzo. Manuel tamén era afeccionado á caza, recreo que non compartía Fernando. 

Daquela época no seminario e en Entrimo, que foi o destino daquel equipo pastoral desde o 1 de setembro de 1967, víñalle a Manuel Fernández Vidal o gusto por botar a partida despois do xantar.

Coñecéronse máis ou menos naquela época que Manuel empezaba en Entrimo o seu labor pastoral. Fernando tiña un primo cura en San Miguel de Torneiros (Allariz), a aldea na que naceu Manuel, que era un ano menor, e alí pasaba algunha tempada. Coincidiron, pero con pouco trato. Despois, andado o tempo, Manuel veu parar a Sandiás e Fernando era xa un asiduo do San Bieito da Uceira. Aos poucos anos, Fernando encargábase da misa das once, á previa á misa solemne. E así seguiron, compartindo a devoción polos santo e por esa paraxe da Uceira.

“Era un traballador nato. Iso foi a súa vida”, resume Fernando. A Uceira, aquel alto onde se celebraba unha das procesións con máis tradición na Limia. A Uceira, que era pouco máis que un penedo ao que a xente achegábase a pé, e os polbeiros tiñan que subir a pota, a leña e o polbo en burros que alugaban abaixo, en Sandiás. “E cada quen comía onde podía, porque non había sitio chan ningún”, lembra Pucho, polbeiro que este luns, como desde hai sesenta anos, esperaba a que rematasen as misas. Mais hoxe, sentado nunha furgoneta, comodamente aparcada nun dos estacionamentos, parte da obra dese traballador nato que foi Manuel Fernández Vidal. “El fixo todo isto”, resume Pucho.

Anos antes, en Entrimo, cos seus compañeiros, coas súas propias mans, os catro, construíran un soto na casa parroquial, e despois inauguraron o teleclub, as representacións de teatro, festas. Había tempo para todo, tamén para as catequeses. Aqueles curas mozos aos que a Garda Civil chegou a sinalar como fundadores na comarca das Comisións Labregas, chegaron a converterse en referentes sociais, e negociaron co Bispado obras e dotacións para a parroquia. Mesmo viviron as primeiras expropiacións do futuro encoro de Lindoso en Aceredo, onde pasaron algúns anos vivindo (Manuel Fernández e Manuel Blanco) até que o Bispo separou o equipo. 

Os irmáns Iglesias marcharon para Celanova. Fernández e Blanco volveron a Entrimo, e alí seguiría Manuel Fernández as seguintes dúas décadas. “Foron homes capaces de ler o signo dos tempos nunha época de cambio”, sintetiza Hernández Figueiredo. Ler o signo dos tempos. Entender. Recoñecer a misión. Iso foi o que aprenderon aqueles sacerdotes mozos naquel lugar, na Terrachán. 

Os irmáns Iglesias marcharon para Celanova. Fernández e Blanco volveron a Entrimo, e alí seguiría Manuel Fernández as seguintes dúas décadas.

Ese espírito de traballo e renovación mantívoo Manuel Fernández durante toda a vida. En Sandiás foi párroco mesurado e constante e un home sociábel. Descubriu a Uceira e alí entregou moito do seu esforzo. E conseguiu implicar a moita veciñanza. Chegou a principios dos anos noventa, noutro contexto diferente ao daqueles anos dos equipos pastorais, pero coa mesma intención. Foi asiduo do Novaíño, fíxose amigo do Antonio, coñeceu xente doutras ideas, como o Camilo Dios, que tamén botaba unha man cada vez que había que facer algo na Uceira. 

E na Uceira fíxose moito. As pistas, as explanadas, as árbores. Manuel Fernández viu a oportunidade coas obras da autovía, e teimou, igual que anos antes fixera en Entrimo para acabar ampliando os espazos da Reitoral e da Igrexa de Santa María A Real. A Uceira fíxose en parte con aquelas terras que se removeron para abrir a autovía. Iso foi nos noventa. 

Foi asiduo do Novaíño, fíxose amigo do Antonio, coñeceu xente doutras ideas, como o Camilo Dios, que tamén botaba unha man cada vez que había que facer algo na Uceira. 

“El era de aí ao lado, preto de Piñeira Seca, e aquí axudoulle moita xente, claro. Era todo pendentes. E a base de camións e camións conseguiron o que hoxe se ve. Despois botáronlle herba, e plantaron carballos. Foi bo para todos. E cando facía falta, convidaba el. Aínda lembro unha comida que pagou el aquí para sesenta persoas. Fixémonos moi amigos”, lembra Pucho, o polbeiro. 

Manuel Fernández Vidal subía todos os días á Uceira. “A ver como estaba isto”, conta un párroco limiao, máis novo, cunha admiración sincera. Fixo máis cousas, o aniversario dos 500 anos da Igrexa, entre outras. Esa magnífica torre baixo a que hoxe dous sobriños velan os restos mortais do cura de Sandiás, que tiña 82 anos cando morreu este 18 de abril, luns, día da romaría da Uceira.

“Seguro que se puidese elixir, tería elixido este día. E seguro que lle gustaría que a celebración se fixese igual, aínda que el morrese este día, como aconteceu”, reflexiona Felipe Traveso, o alcalde, que di que o tratou nos últimos anos como alcalde e que sempre foron moi respectuosos o un co outro, e lembra como nada máis chegar á Alcaldía, coincidindo co San Bieito do verán, en xullo, o cura veuno convidar á participar dos actos. E foi e non faltou un ano desde aquela. Ese era, contan os que o trataron, Manuel Fernández: un home de conviccións e co traballo como argumento. 

Lembra Traveso: “El dicía, non hai nada que me agradecer, eu vin aquí para traballar e foi o que fixen”. O que tiña que facer. Unha misión. 

* Parágrafos tirados da obra Manuel Iglesias: imagen del Buen Pastor en Tierras de Celanova, de José Ramón Hernández Figueiredo (2015)

O home que cumpriu a súa misión