lunes. 07.10.2024

A crise sempre termina por golpeando. "Pasa como no 2010, 2011... as crises tardan en chegar ao rural, pero chegan", di unha traballadora dos servizos sociais do Concello de Xinzo de Limia. A Xunta introduciu en 2020 a tarxeta básica moedeiro. Unha axuda á compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia, que ía desde os 150 aos 300 euros mensuais en función das características da unidade familiar. 


Esa axuda permitiu ir tirando a familias moi necesitadas. Tramitábase en 72 horas. Podíase renovar cada tres meses. E as sucesivas prórrogas fixeron que en febreiro de 2021 (hai un ano) a Xunta informase de que 35.200 galegas e galegos se tiñan beneficiado da emisión de 20.800 tarxetas, cunha transferencia de 13,8 millóns de euros para combater a emerxencia social.


A tarxeta moedeiro converteuse no cimento de moitas economías familiares que non ían poder remontar a crise a curto prazo. Mais desde o pasado 1 de febreiro, a Xunta decidiu cortar a billa da axuda. Desde esa data "unicamente poden ser beneficiarias da tarxeta básica aquelas persoas que non teñan percibido ingresos por este concepto nos 6 meses anteriores á data da solicitude actual, non sendo posible efectuar renovacións", precisou Política Social a unha consulta do Diario do Limia.


En Xinzo de Limia, entre 2021 e o primeiro mes de 2022, as dúas traballadoras sociais do departamento de Servizos Socias que se dedicaban a prestar este servizo tramitaron 288 tarxetas en trece meses. É dicir, atenderon como mínimo a unhas 70 familias. 


A Consellería de Política Social non manexa datos a nivel municipal, mais informa de que no conxunto de Ourense, a día de hoxe, se teñen concedido 9.437 tarxetas desde xullo de 2020. É dicir, a axuda chegou a un mínimo de 1.500 familias residentes nalgún dos concellos da provincia.


A tarxeta moedeiro non é compatíbel coa percepción de prestacións económicas regulares (como a RISGA ou a RAI), salvo casos moi concretos. Os servizos sociais dos concellos inician os trámites, Política Social atende a demanda e a Cruz Vermella imprime as tarxetas e distribúeas na súa rede de centros. E a Cruz Vermella é que soluciona as dúbidas sobre o seu uso, e tamén pode solicitar os tickets ou facturas das compras efectuadas e comprobar que o gasto se corresponde coa finalidade do programa. 


Agora, as familias beneficiarias nos últimos seis meses non poden acceder á axuda, que se prorrogou até xuño deste ano. "Evidentemente non todas as familias que quedan fóra do programa conseguiron remontar a situación. En xaneiro volveu aumentar a demanda. Agora, esas familias pasarano peor", comentan nos Servizos Sociais de Xinzo, desde onde se segue a repartir periodicamente comida, igual que fan na Cruz Vermella, en Cáritas ou no CDR O Viso sen saír de Xinzo. 


"Cada vez imos perdendo máis recursos que se activaron coa covid", sinala a mesma traballadora, "e o peor da crise pode estar por chegar, que pasará cando rematen os ERTE?". En Xinzo, os concelleiros Alberto Martínez (Educación, Saúde e Servicios Sociais) e Manuel Pérez (Facenda e Promoción Económica) advirten que son conscientes da situación e que os orzamentos deste 2022 intentan dar resposta. O banco de alimentos municipal segue aberto, os supermercados da vila cooperan co banco. Os golpes da crise non pararon.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo tramitou no último ano 288 tarxetas moedeiro, mais a Xunta...