Situación crítica no sector agrícola pola climatoloxía e o mal estado das infraestruturas

ADEGAL traslada á Xunta a difícil situación do agro na Limia e demanda medidas urxentes

Terreo inaccesible no Concello de Sandiás. | FOTO: Noelia Caseiro.

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) vén de trasladar á Consellería do Medio Rural a grave problemática que atravesa o sector primario na comarca, coa finalidade de buscar solucións alternativasque permitan paliar os efectos dunha situación crítica para moitas explotacións.

A Limia, cun marcado carácter agrogandeiro, está a sufrir as consecuencias das persistentes choivas rexistradas durante o inverno e a primavera, que arrasaron co cereal de invernoimpediron a sementeira do de primavera e atrasaron a implantación do cultivo da pataca. Esta conxuntura afecta directamente á rendibilidade das explotacións, cunha significativa baixada das producións por hectárea e, en consecuencia, perdas económicas importantes para moitas familias da zona.

A situación tamén repercute na produción de millo forraxeiro, obrigando aos gandeiros a optar por variedades de ciclo máis curto, cun menor rendemento e un incremento nos custos de produción ao ter que recorrer a compras externas para a alimentación do gando.

Outro factor agravante é o deficiente estado dos sistemas de drenaxe —cunetas, canais secundarios, ríos e o canle principal— que provoca frecuentes asolagamentos das terras de cultivo e danos nas infraestruturas agrarias, dificultando aínda máis o traballo no campo.

Ante este escenario, ADEGAL solicita á Xunta de Galicia unha serie de medidas urxentes, entre as que destacan:

  • Limpeza inmediata dos canles principais e autorización para que os agricultores actúen nos canais terciarios.

  • Bonificacións fiscais para os produtores da comarca, tanto a través do IRPF como do Imposto de Sociedades.

  • Redución das cotizacións á Seguridade Social para os agricultores e gandeiros afectados.

  • Axudas da PAC para a compra de sementes, abonos e outros insumos, como xa se fixo en situacións extraordinarias como a guerra de Ucraína ou a seca.

  • Adaptación dos seguros agrarios á realidade específica da Limia.

  •  

Dende ADEGAL insisten en que é imprescindible que as Administracións se impliquen de forma decidida co sector primario da comarca, apostando por facilitar o relevo xeracional, a ampliación das explotacións e a protección dunha actividade esencial para o desenvolvemento económico e social da zona.