lunes. 09.12.2024

Amador Díaz Penín (Hannover, 1972) é agricultor, propietario de Patatas Ama,  traballa tamén nunha empresa de produtos agrícolas, é presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, presidente da Comunidade de Regantes Alta Limia, tenente de alcalde de Xinzo de Limia e concelleiro de Medio Rural. Díaz é o líder de ÁXIL.


“Cando chegamos ao goberno topámonos cun estado lamentábel de moitos núcleos do rural. Fíxose moito e queda moito por facer”, di do balance da acción de goberno, e relata de memoria actuacións en Boado, Pidre, Piñeira Seca, Lamas, Fiestras, Gudín, Faramontaos, Paredes, Damil, Moreiras, Pena... “Temos 32 núcleos. Hai que atendelos a todos. Agora estamos coas rozas con dúas máquinas traballando a diario. E empezamos a limpeza nos núcleos polos que teñen as festas antes: Seoane, Parada, Trandeiras, Piñeira, Gudín”


Canto esforzo se está a facer desde o goberno local para fixar poboación no rural de Xinzo?
Porei un exemplo. Temos unha pista entre Gorgoloza e Cima de Ribeira que está desfeita e vai custar uns 48.000 euros arranxala. Esa pista dá servizo a 15 ou 20 veciños. Pode que esas aldeas que están máis lonxe de Xinzo sufran máis despoboamento. Cal é o noso traballo? Que calquera forno, calquera local social, de todas esas aldeas estea restaurado; polos en valor para que dean vida a eses núcleos. 


En Cima de Ribeira estaban os veciños moi alporizados, denunciaron certo abandono. Que pasou?
Que temos 32 núcleos e desafortunadamente non podemos intervir en todos ao mesmo tempo. Iso non quere dicir que os veciños de Cima teñan menos dereitos que outros. Cada ano intentamos actuar en catro ou cinco. Non discriminamos a ninguén. A algún lle toca primeiro e a outros, despois.


Como está sendo a coordinación dentro dun goberno con catro partidos?
Pois no seu momento constituíronse sete áreas, cada un ten a súa e algún se encarga dalgunha máis da que lle corresponde... Pero creo que cada un temos onde traballar e a xente é consciente do que fai cada concelleiro.  


Mais, hai unha liña?
Sempre nos reunimos, sempre falamos e cada un traballa nas súas áreas. Ás veces coincidimos en traballos conxuntos, pero se non cada un intenta obter financiamento e sacar proxectos dentro das súas áreas.

Gustaríame recuperar o campo da feira. Necesitamos un espazo de exposicións. E tamén teriamos que dinamizar a oferta turística e apostar pola humanización do centro.

Onde se puido ter feito máis?
No que me corresponde, a min gustaríame recuperar o campo da feira. Agora temos en setembro a segunda edición de Alimagro e necesitamos un espazo de exposicións. Tamén se ten traballado na Praza de Abastos. Vai lento. E tamén teriamos que dinamizar a oferta turística para que a xente veña a esta vila. E apostar pola humanización do centro. O que non se entende é que a xente eloxie Allariz e aquí haxa tanta resistencia.


Esa intervención para a humanización xa se desbotou?
Non. Seguimos traballando nela. Empezamos co mandato e seguiremos traballando até o final. 


Pero esa intervención no centro non vai estar moi condicionada pola actuación nas avenidas, cando se faga?
Esa actuación nas avenidas será moi importante, mais iso non quita que no centro se poidan facer cousas antes. Temos en mente algún novo aparcadoiro. 

amador diaz tenente de alcalde de xinzo e líder de axil (7)
Amador Díaz será o candidato de ÁXIL nas eleccións de 2023.

Volvendo ao sector primario. Que pasou nestes anos para recuperar a aposta por este sector?
Creo que a Mesa da Limia, na que nos sentamos todos, tamén a Asociación de Produtores, serviu para que as Administracións decidiran emprender investimentos importantes. Estamos falando dun plan de regadío, dun plan para as pista e a canle... todo iso sae de aí. Que lle falta a esta comarca? Unha industria de transformación. Temos que esforzarnos niso. É o que nos falta, industria, uns 200 ou 300 postos de traballo nese polígono, que virían a asentar poboación e dinamizar todo.


Como vai axudar o regadío?
Vai permitir outro tipo de cultivos, outras expectativas, novas producións con saída nos mercados. 


Como ve o Xinzo do futuro, esa idea que vai ter que espallar nas próximas eleccións, porque o regadío non entra até o ano 26?
Os proxectos en política non se dan materializado en catro anos. Penso que a oportunidade para Xinzo está en humanizar o centro; en explotar o potencial cultural de Trandeiras, A Pena, o Museo do Entroido, a Ponte de Faramontaos... poñelo en valor; en que o sector primario incorpore esa industria de transformación. Xinzo ten un potencial enorme, con diferencia a respecto doutros concellos.

amador diaz tenente de alcalde de xinzo e líder de axil (4)
Díaz advirte: “Que lle falta a esta comarca? Unha industria de transformación”.

AS ELECCIÓNS
ÁXIL naceu dous meses antes das municipais de 2019 despois de que “algunha xente nos animara a Moncho [Ramón Gómez, concelleiro de Mobilidade e Urbanismo] e a min a regresar á política. A min gústame estar, por dicilo dalgunha maneira, vaime a marcha, gústame a política”, conta Amador Díaz. “Tivemos pouco tempo para darnos a coñecer, e mesmo pode que houbera votantes que non chegaron a identificar o partido no que íamos”.


Que intereses defende ÁXIL?
Viñemos para intentar cambiar a situación de abandono na que estaba Xinzo. Para o noso partido o importante é Xinzo e os 32 núcleos de Xinzo. Danos igual quen goberne en Madrid ou en Santiago.


ÁXIL é o partido de Amador Díaz, dada a súa proxección pública, ou é algo máis?
Somos un grupo de xente que lle quere a Xinzo e as aldeas. Xuntámonos unha vez ao mes. Somos os 14 que fomos na lista e que espero que repitan. Non é o partido de Amador.


Teñen decidido presentarse de novo e o candidato?
Si, están decididas as dúas cousas.

amador diaz tenente de alcalde de xinzo e líder de axil (6)
Amador Díaz, en Xpazo, a nova sede do Diario do Limia.

Por que na campaña de 2019 decidiron firmar un documento ante notario comprometéndose a pactar co PP?
Naquel momento estábanos facendo moito dano algúns comentarios. Había partidos que sabían que ÁXIL ía sacar un gran resultado e intentaban machacarnos sementando dúbidas. E tomamos aquela decisión.


Foi unha boa decisión?
Eu non me arrepinto. Estamos no goberno. Somos unha forza importante, e somos capaces de facer cousas.


Volverán a asinar algo semellante de cara ás eleccións de 2023?
As cousas mudaron. A nosa posición no contexto electoral actual é distinta. 

Para o 2023 o obxectivo é ser a forza máis votada. ÁXIL, hoxe podémolo dicir, está en condicións de se converter na forza máis votada.

Vense máis libres para pactar con distintos partidos?
Cambiou o panorama. No 2019 dicían que non íamos ter representación. Sacamos 2 concelleiros, e case o terceiro... Agora temos outro obxectivo: para o 2023 o obxectivo é ser a forza máis votada. 

amador diaz tenente de alcalde de xinzo e líder de axil (5)
“Non considerei en ningún momento ir baixo as siglas de ningún partido”, di Amador Díaz.

Pensa que pode chegar á alcaldía?
Puiden ter sido alcalde nas negociacións para formar o goberno actual. Non é ningunha obsesión para min. O ideal para un alcalde é ter o apoio dunha maioría de veciños, e penso que iso pode pasar o ano que vén. ÁXIL, hoxe podémolo dicir, está en condicións de se converter na forza máis votada. 


Vese por riba do PP?
Si. É posíbel. Por que non?


Pactará co PP?
Para nós o importante é conseguir o maior apoio posíbel. Os pactos veranse despois das votacións. Faremos o que sexa mellor para Xinzo. 

Eu creo que si, que sería bo un cambio na Deputación. E que a Deputación fixese un reparto equitativo e que todos os concellos reciban o mesmo.

Que contas botan, cantos partidos pensan que concorrerán ás eleccións no 2023?
Fálase de que pode haber outro partido. Non o sei. Non me preocupa. Nós agora estamos en disposición de competir con calquera.


Tivo vostede ofertas para ir baixo as siglas doutra formación que non fose ÁXIL?
O que hai son comentarios. Non considerei en ningún momento ir baixo as siglas de ningún partido. 


Pode haber un cambio na Deputación. Sería bo?
Eu creo que si, que sería bo un cambio na Deputación. E o que me gustaría da próxima Deputación é que haxa un reparto equitativo e que todos os concellos reciban o mesmo, tal e como se está facendo nas outras provincias. 


Cando arrancará ÁXIL o traballo electoral?
Eu creo que o traballo electoral hai que facelo durante os catro anos. Confeccionaremos a lista e faremos o que facemos todos os días: esta e falar coa xente.  

ENTREVISTA | “Pactar co PP? Faremos o mellor para Xinzo”