lunes. 09.12.2024

Esther Testa é interventora do Concello de Xinzo desde o pasado mes de febreiro. A semana pasada emitiu un informe no que advirte á corporación municipal de que o gasto corrente está disparado (“é moi superior ao límite establecido”) e eleva o documento ao Pleno indicando que a Alcaldía está autorizando pagos “sen dispoñer de consignación suficiente”. 


Ademais, sinala que na súa opinión “non procede prazo de discrepancias”; é dicir, o goberno local non debería poder alegar diante da Intervención Xeral do Estado contra este informe, “tendo en conta que os gastos xa foron realizados e as obrigas están no rexistro de facturas e todas elas están conformadas”.


“En el informe emitido por el Ministerio de Hacienda de fecha 14/12/2021 este Ayuntamiento se comprometió a tener un nivel de gasto corriente de 5.669.000 € para el ejercicio 2022, si tenemos en cuenta la tendencia anual de las ultimas liquidaciones y el gasto comprometido a fecha actual podemos indicar que el gasto corriente a fecha actual es de 6.423.976,73 €, muy superior al límite establecido”, explica a Intervención no documento que dá conta da base de execución nº6 do Orzamento correspondente ao 2022 e asinado con data do pasado mércores.


Esther Testa, a interventora, eleva unha proposta de resolución ao Pleno, que agora a alcaldesa, Elvira Lama, deberá decidir se inclúe ou non na orde do día. O pasado febreiro, na presentación da nova interventora a través das redes sociais municipais, a alcaldesa comprometeuse a lle prestar “toda a axuda que precise”.


A proposta de resolución que debatería a corporación municipal establece: “Declarar co reparo formulado é axustado a dereito, suspendendo a tramitación do expediente ata que sexa posible habilitar crédito orzamentario suficiente para facer fronte á aprobación das facturas recollidas nos antecedentes desta proposta.” 


O Diario do Limia púxose en contacto co concelleiro de Facenda, Manuel Pérez Campos, para coñecer os efectos que tería a aprobación desta resolución a respecto do pagamento das facturas e se o goberno local ten pensado ou non elevar unha discrepancia (o prazo é de 15 días) á Inspección Xeral do Estado. A resposta do concelleiro foi: “Falaremos no pleno”.


O REPARO
Cumprido o requisito de ter formulado por escrito o reparo e elevado o informe ao Pleno, a Interventora fica libre de responsabilidade, independentemente de que a Alcaldía inclúa ou non a proposta na orde do día. A interventora non pode negarse a asinar as facturas se a alcaldesa o ordena, pero xa salvou calquera responsabilidade. 

7 XUL. Na entrega de diplomas do obradoiro de emprego en xullo cos concelleiros Pérez Campos e Ramón Gómez
Entrega de diplomas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata o pasado mes de xullo. | FOTO: Concello de Xinzo.

O reparo refírese ao gasto corrente do goberno cuatripartito durante o ano 2022. Nel lémbrase que determinadas bolsas dos Orzamentos teñen “vinculación xurídica” co límite de gasto, e se advirte que “non se poderán fiscalizar de conformidade gastos imputábeis a ditas bolsas a partir do momento no que se queden sen crédito”. A Interventora está obrigada a formular o correspondente reparo en canto comproba “que non existen créditos suficientes dentro da bolsa de vinculación xurídica”. E indica que este é o caso das bolsas número 5,7,10,14 y 17. 


Na proposta elevada ao Pleno, a Intervención inclúe unha relación de gastos que non dispoñen de “consignación suficiente para ser autorizados”, e subliña que “todavía estamos en el mes de Agosto, por lo que se presupone que todavía se incluirán más gastos sin créditos presupuestarios hasta final del ejercicio 2022, situación que pone en grave riesgo económico a esta Entidad”. 


Nesa táboa de gastos, hai varias facturas de provedores de material para o desenvolvemento do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. O importe das facturas que se relacionan no reparo supera os 164.000 euros. Están incluídos gastos en infraestrutura para diferentes proxeccións de cine na rúa, a Feira das Mozas, o 25 de Xullo, publicidade en prensa, e mesmo os da viaxe para recoller sendeiristas nunha peregrinación a Compostela. “No hay consignación suficiente para autorizar el gasto de las facturas que se relacionan”, di Intervención, e conclúe que tampouco existe autorización de gasto preceptiva e previa por parte do órgano interventor.


 

NOTICIAS XINZO | O Concello dispara o gasto no que vai de ano en 800.000 euros por riba...