martes. 21.01.2025

Unha das aulas da Escola Municipal de Gaitas do Concello de Xinzo terá, dende este venres ás 19:00 horas, nome propio: o de Juan Ferreiro Ferreiro, o "gaiteiro de Laroá". 

Concello, familia e, por extensión, o pobo de Xinzo queren recoñecer así a unha destacada figura da música tradicional galega, que mesmo foi quen de recoller e até compor melodías que xa son "obrigadas" nos estudos de todas as escolas de gaitas do país.

Sons como "Canto de Nadal de Laroá" -moi acaído por estas datas- ou a archirrecoñecida "Rumba de Laroá" resoan en cada xuntanza onde a gaita é a protagonista, instrumento que acompañou ao gaiteiro desta localidade limiá durante toda a súa vida. 

Cartel do acto de honra ao músico Juan Ferreiro.
Cartel do acto de honra ao músico Juan Ferreiro.

O acto arrancará ás 19:00 horas deste venres 13 de decembro cunhas palabras do director da Escola Municipal, Fernando Dopico, para dar paso a unha pequena intervención da familia, representada polo seu bisneto Iván Olmos Ferreiro, quen estará acompañado polo fillo e a neta do gaiteiro homenaxeado, Jerónimo e Chelo Ferreiro

Seguidamente será o único fillo varón vivo do "gaiteiro de Laroá" o que interpretará unha peza de seu pai nun solo de gaita, previo ás intervencións dos diferentes representantes institucionais.

Rematará esta sentida homenaxe co descubrimento da placa coa que se conmemoran os 25 anos do pasamento do gaiteiro local homenaxeado, na que quedará recollida, ademais do seu nome, uns compases da peza que o converteu en referente da música tradicional: a "Rumba de Laroá", que tamén soará a cargo do grupo de músicos da escola municipal "Tarde piache".  

Un home pegado a unha gaita

Juan Ferreiro Ferreiro naceu en Laroá un 18 de novembro de 1915 e tivo, dende entón e até o seu pasamento, un 29 de marzo de 1999, unha única paixón: a música de gaita, que herdou do seu pai emigrado a Cuba e retornado cun instrumento que tamén acabaría recibindo en herdanza, así como moitos dos ritmos musicais que máis tarde interpretaría tanto en grupo como en solitario. 

Foi seu pai quen lle ensinaría as primeiras notas do instrumento, que acabaría por repicar con mestría malia non ter coñecementos musicais: "Todo o que tocaba o tocaba de oído, pero era capaz de escoitar unha melodía e sacala en minutos", lembra o seu fillo Jerónimo, un dos dous varóns dos catro fillos que tivo Juan Ferreiro. 

"A onde el ía, iba a gaita. Tanto no seu grupo inicial de gaitas como máis tarde en solitario, non había festa na contorna onde non estivera o gaiteiro de Laroá", di Jerónimo Ferreiro, quen tamén conservou de seu avó o nome e a paixón de seu pai. 

Jerónimo Ferreiro, fillo do "gaiteiro de Laroá", mantén viva a memoria musical de seu pai. | FOTO: Iván Iglesias.
Jerónimo Ferreiro, fillo do "gaiteiro de Laroá", mantén viva a memoria musical de seu pai. | FOTO: Iván Iglesias.

Foron moitos os estudosos deste instrumento os que pasaron polo seu domicilio ata meses antes do seu pasamento, para recoller toda a súa sabedoría, técnica e, o que máis atesouraba, decenas de pezas musicais que, sen coñecer a linguaxe, foi quen de convertelas en composicións que xa levan décadas sendo interpretadas nas escolas e conservatorios que teñen á gaita como especialidade. 
 

Juan Ferreiro Ferreiro recibiu un primeiro recoñecemento público alá polo mes de xuño de 1995, co gallo do terceiro campeonato provincial de gaiteiros solistas organizado pola Deputación de Ourense no Teatro Principal. Alí, o por aquel entón presidente, José Luis Baltar, entregoulle un agasallo ao músico que daba nome a ese certame. 

Este venres, o pobo de Xinzo lembrará de novo a unha indiscutible figura da música tradicional nada na Limia, convertendo o seu nome en inesquecible para todos os actuais e futuros alumnos e alumnas da Escola Municipal de Gaita do Concello de Xinzo, unha das máis numerosas de todas as galegas. 

NOTICIAS XINZO | Juan Ferreiro, o "gaiteiro de Laroá", daralle nome a unha aula da...