martes. 16.04.2024

Hoxe ás 11:15 no Parque do Pombal de Xinzo reuníronse a alcaldesa do concello, Elvira Lama, o concelleiro de infraestruturas, Rafa Penabad, o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o director de ALGARIA -entidade que pertence á anterior- , Óscar Pena, e o coordinador da Área de Accesibilidade, Álvaro García, para tratar a presentación do primeiro Plan de Accesibilidade da vila.

O proxecto servirá como guía para a implementación de determinadas políticas de mellora na mobilidade, accesibilidade e impulso da inclusión para os usuarios das vías do municipio. Tal como destacou Elvira Lama no seu discurso, "Xinzo vai a converterse nun concello modelo en canto á accesibilidade e en canto á inclusión das persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida (...) a inclusión ten que se o obxectivo principal para este goberno, non só para os veciños que vivan en Xinzo, senón tamén para todas aquelas persoas que nos queiran visitar".

Os técnicos de COGAMI fixeran fai días un estudo pormenorizado para detectar as fallas dos edificios e das rúas do concello -incluíndo prazas de aparcamento- e atopáronse cun número considerable de barreiras arquitectónicas. Resaltáronse tamén unha serie de melloras que se deben aplicar de xeito primordial nos colexios e institutos da vila.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, destacou a importancia da creación destas novas medidas e como a súa aplicación contribuiría a mellorar a calidade de vida dos viandantes. " A accesibilidade é unha reivindicación do sector das persoas con discapacidade (...), é unha demanda da sociedade en xeral (...) facilita a vida a todas as persoas" . Tamén amosou que aínda queda moito camiño que mellorar no relativo á inclusión, "nese eido entristéceme que a día de hoxe sigamos falando de accesibilidade, eso quere decir que non se ten avanzando tanto, que non houbo un compromiso real e efectivo para que esta situación mellorara".

O plan contemplará unha serie de actuacións por fases ao longo do tempo ás que se lles estima unha duración aproximada de aplicación de dez anos, e con dotacións presupostarias anuais de 100.000 euros. Dentro del destacan catro áreas de intervención especial na vila, a praza da Liberdade, o parque do Pombal, a avenida de Ourense -concretamente no cruce coa pista de Morgade- , e o camiño cara o colexio Rosalía de Castro. Priorizaranse as zonas que presenten maior concentración de peóns.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo aposta pola inclusión mellorando a accesibilidade e a...