viernes. 03.05.2024

Claudia Urones, alumna do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo; e Lucía López, estudante do CEIP Vilar de Barrio; son dúas das premiadas no concurso escolar promovido polo Observatorio contra a Discriminación do Maior da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, no que colaborou a xefatura territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta.

Case 3.000 traballos se presentaron neste certame que busca contribuír a desbotar entre o alumnado de Educación Primaria, prexuízos e estereotipos sobre as persoas maiores, que afectan ao seu benestar e limitan os seus dereitos. Baixo o título "Meus avós, mestres da vida", os nenos e nenas dos colexios ourensáns participaron neste concurso con seus debuxos que están expostos no CHUO.

A entrega dos diplomas aos premiados tivo lugar este xoves, coincidindo co Día Internacional contra o Maltrato e o Abuso na Vellez. Os alumnos premiados pertencen a nove centros educativos da provincia, entre os que se atopan o Rosalía de Castro de Xinzo e o de Vilar de Barrio. O traballo de Claudia Urones recibiu o primeiro premio do terceiro ciclo de Primaria, mentres que o de Lucía López foi o cuarto premio do primeiro ciclo.

Claudia Urones, alumna do CEIP Rosalía de Castro, quedou primeira no terceiro ciclo de Primaria.
Claudia Urones, alumna do CEIP Rosalía de Castro, quedou primeira no terceiro ciclo de Primaria.

 

Os rapaces gañadores de cada categoría, ademais dos diplomas, tamén recibiron unha tableta electrónica agasallada pola empresa ourensá de tecnoloxía Miniprice. O xurado estivo composto por integrantes do grupo de teatro afeccionado para maiores "Aturuxo", co que a área sanitaria xa ten colaborado noutras campañas de sensibilización contra o idadismo.

Este termo refírese á discriminación implícita en prexulgar e estereotipar a unha persoa en función da súa idade, contribuíndo á percepción negativa da idade avanzada, invisibilizando socialmente ás persoas maiores, minusvalorando a súa autodeterminación, formación, capacidades e dereitos. Unha de cada dúas persoas ten actitudes idadistas, segundo un informe das Nacións Unidas, que alerta sobre como esta discriminación por idade, pode empobrecer a súa saúde física e mental, ademais de reducir a súa calidade de vida. 

Nesta liña, a Organización Mundial da Saúde (OMS), no seu recente informe mundial sobre idadismo, insta aos países e institucións a actuar e tomar medidas de tipo interxeneracional. Con esta iniciativa, a sanidade e a educación pública de Ourense actúan ante este problema e introdúceno no debate escolar, aproveitando o vinculo entre netos e avós.

NOTICIAS A LIMIA | Dúas nenas de Xinzo e Vilar de Barrio, premiadas nun concurso sobre...