jueves. 02.05.2024

Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) da Pataca de Galicia vén de publicar as previsións de produción para a campaña deste ano. O organismo estima unha comercialización duns 30 millóns de quilos nas áreas inscritas que, tras o proceso de selección e o traspaso de parte da produción ás empresas transformadoras, serán máis de 6 millóns. Nesta campaña participaron 71 produtores repartidos en 690 hectáreas de terreno de cultivo.

Os produtores da IXP atópanse en plena época de colleita, comezando polas variedades de ciclo máis curto como a kennebec, para continuar polas de longo, como a agria. Estas dúas, xunto á Fina de Carballo, conforman as tres variedades amparadas polo indicativo de calidade. No mercado xa se pode atopar Pataca de Galicia, tanto a de carne branca kennebec, como a agria, de carne amarela. Polo momento, non se dispón da variedade autóctona Fina de Carballo. Neste inicio de campaña de comercialización, vai seguir aumentando a produción que chega o mercado baixo o selo da IXP.

Neste ano, a IXP contou con 690 hectáreas de cultivo, das que en torno a 400 corresponden á variedade kennebec e 290 á agria. O número de produtores son 71 dos cales 54 pertencen a Ourense, 14 á Coruña e 3 a Lugo, sendo as principais zonas produtoras A Limia, Monterrei e Bergantiños.

A maior parte da produción concéntrase en Ourense, onde a IXP conta con 600 hectáreas. Nelas, concéntrase a maioría da produción de kennebec e a práctica totalidade de agria. En segundo lugar, estaría Bergantiños, na Coruña, con máis de 60 hectáreas. Por último, estaría Lugo con 30 hectáreas. 

Pese as desfavorables condicións climatolóxicas, que provocarían que a produción poida estar entre un 15 e 20% por debaixo da media dos últimos anos, a cifra da previsión é positiva, garantizándose ademais que a pataca producida será de excelente calidade para o consumo. A gran diferenza entre a produción total e a que se comercializará débese a que se leva a cabo unha esmerada selección dos lotes e, ademais, unha parte destínase a outras canles de comercialización.

Polo momento, existe unha elevada demanda de pataca e non semella que a oferta nos mercados internacionais poida presionar os precios á baixa. Polo tanto, dende a IXP Pataca de Galicia agardan que a campaña sexa boa en canto á retribución para os bolsos produtores.

O presidente do consello regulador, José Manuel Gómez,  ten como obxectivo poñer en valor tanto en Galicia coma no mercado nacional a innegable calidade do noso produto e do bo facer dos nosos produtores. Agarda que, ao longo do que resta de ano, “o número de inscritos aumente, dunha forma homoxénea no conxunto da Comunidade Autónoma”.

NOTICIAS A LIMIA | A IXP Pataca de Galicia estima ter máis de 6 millóns de quilos para...