viernes. 04.10.2024

O Partido Popular dos concellos de Xinzo, Porqueira e Trasmiras levarán aos plenos municipais dos seus respectivos territorios unha moción na que reclaman ao Goberno do Estado solucións ao financiamento do Plan de Regadío. Defenderán tres peticións concretas, somentes 12 días despois da sinatura do convenio entre o Goberno e a comunidade de regantes Nova Limia para a modernización dos regadíos.

"Reivindicamos melloras que redunden no beneficio dos produtores desta comarca solicitando ao Goberno central un esforzo adicional que se traduza en novos investimentos para a mellora do regadío e que isto non supoña sobrecustos para os nosos veciños que se podan evitar", subliñan os populares.

O Programa nacional de modernización do regadío 2021-2027, do Ministerio de Agricultura, investirá na Limia 35 millóns de euros. O Goberno asume o financiamento do 80%, 28 millóns de euros, e os regantes asumen o 20% restante, 7 millóns, ademais da totalidade do IVE da actuación que non ten carácter deducible. "É dicir, os regantes soportan o 41% do coste total", explican dende o Grupo Popular de Ourense.

Medidas concretas

Por una banda, os populares instan ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que promova "un cambio lexislativo que permita non repercutir o IVE non deducible aos regantes". Proposta que completan, no caso de que o cambio lexislativo non fora posible, coa idea de que "o ministerio asuma a financiación do 80% de dito IVE".

Os asinantes da moción piden un compromiso adicional ao Ministerio: propoñen que revise o esquema de financiamento do convenio para evitar que os regantes teñan que avalar o montante total do seu investimento "o que suporá uns sobrecustos financeiros de preto de 2 millóns de euros”, explican os populares.

O terceiro punto da moción insta á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense a "que colaboren nese esforzo adicional en apoio aos regantes, sufragando o 20% do IVE da actuación”, no caso de que non se acade o cambio lexislativo que permita a súa non repercusión. 

NOTICIAS A LIMIA | O Partido Popular reclama solucións para o financiamento do Plan de...