viernes. 04.10.2024

O concelleiro de Cultura de Xinzo de Limia, Carlos Gómez Salgado de Vedmar, mantivo un encontro coa empresa adxudicataria do servicio de explotación do Museo Galego do Entroido (MUGAE), sito na rúa Dous de Maio de Xinzo. Unha reunión que serviu para avaliar o funcionamento do espazo museístico trala reapertura logo da pandemia

Ao longo da xuntanza, As Curuxas, empresa concesionaria da xestión do servizo, presentaba a memoria do acontecido nos últimos 15 meses. Un informe que detalla o balance de visitas, actividades e iniciativas realizadas no museo e, tamén, recolle as deficiencias nas instalacións e no equipamento que é preciso mellorar para facer o museo máis atractivo para os visitantes.

Case 5.500 persoas visitaron o Museo Galego do Entroido dende a reapertura.

Carlos Gómez considera que é "un balance moi positivo deste último período e do traballo realizado por as Curuxas" e subliñaba que a perspectiva a medio prazo é que: "O Museo Galego do Entroido forme parte dos museos da Xunta de Galicia e que na xestión do mesmo participen, ademais da Deputación, a Xunta de Galicia e o propio Concello de Xinzo".

Case 5.500 persoas visitaron o Museo Galego do Entroido malia lenta recuperación da normalidade despois da pandemia da Covid 19. Un moi destacado resultado tendo en conta que no 2022 o museo tan só abriu 22 días. A tendencia, segundo a empresa concesionaria, é ascendente e prevén que neste 2024 o número de visitantes supere a cifra do 2023.

Memoria de actividades

O informe detalla as actividades complementarias organizadas no MUGAE: concursos de fotografía, conferencias, exposicións, coloquios, obradoiros ou mesmo a realización de audiovisuais ou curtas. Destacan as iniciativas para facer máis didáctica a visita ao espazo museístico e, sobre todo, para mellorar a accesibilidade e achegar o museo a todos os colectivos.

Así, contouse coa colaboración da Federación Galega de Persoas Xordas para facer un vídeo sobre o Entroido en linguaxe de signos e subtitulado; creouse unha guía de lectura accesible con pictogramas; e púxose en marcha, seguindo as recomendacións da ONCE, o programa de códigos QR con información sobre a orixe, as tradicións, a historia e o traxe de diferentes entroidos de Galicia.

Por último, o informe fai referencia á climatización ou a reparación de determinadas zonas da cuberta como necesidades urxentes que cómpre subsanar. Neste sentido, Carlos Gómez  comprometeuse a: "Informar á Deputación Provincial destas cuestións para que sexan subsanadas o antes posible e implementar diversas melloras estruturais e de funcionamento".

NOTICIAS A LIMIA | O Museo Galego do Entroido afiánzase coma referente cultural con...