viernes. 19.04.2024

E de súpeto apareceu un novo BNG en Xinzo. Sobre o escenario, Camilo Vila. Presentando a Ana Pontón e ao concelleiro Ramiro Rodríguez coa “cara partida nos tempos máis duros”, dixo Vila. Un respecto. Para os que sempre estiveron e para os que están hoxe, como Alba Feijoo, Carlos Pérez, Rubén Colmenero, Sonia Vidal... caras novas nunha comarca fonda e conscientemente rural. A líder nacionalista, que pasou a xornada entre Allariz e A Limia, acabou contaxiada do espírito comunitario e resistente de Lodoselo: O Viso.


Alí, protexidos da chuvia no patio da vella reitoral, mulleres, homes e nenos do rural posíbel contaron anacos das súas vidas á líder nacionalista. “Unha illa, queremos máis por todo o país”, dixo Pontón. “Non queremos ir ao Instituto a Xinzo, queremos seguir estudando aquí”, concretou un dos cativos.


Pontón, sobre o escenario da Casa da Cultura, arrancou con ánimo rebelde. “Isto non é unha crise, é unha estafa. As grandes empresas gañaron o ano pasado 60.000 millóns, e só as eléctricas, 10.000. O que temos que facer é quitarlles as cadeiras no Consello da Xunta e no Consello de Ministros. Greenalia, aquí na Limia, quere pasar por riba da xente. Non poden vir a facer o que lles dea a gana. Se hai que instalar eólicos, que sexa onde se poida, con participación pública. É unha cuestión de xustiza social. Un asunto de país. Se o BNG gaña no 2024, prométovos que Galán non me abrazará na praza do Obradoiro”.


“Temos que confiar nas nosas propias, como fan no Viso. Iso é hoxe o máis revolucionario”, dixo a líder nacionalista que aspira a ser a primeira muller na Presidencia da Xunta, e asegura que o Bloque ten un proxecto de país, “un proxecto para vivir mellor”.


Entre o público estaban o alcalde de Vilar de Santos (Antonio Míguez), e os alcaldes do BNG en Vilar de Barrio e Baños de Molgas, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo; tamén, o ex alcalde de Allariz, Paco García, e o Secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira. Pesos pesados do nacionalismo, xunto ao deputado provincial Bernardo Varela e ao deputado Iago Tabarés. O Bloque amosou toda a súa forza na comarca. E emerxeu o futuro.

“Por onde empezamos?”, retou Camilo Vila a Ana Pontón na quenda de intervencións. “Por construír democracia. Tratar a todos por igual”, respondeu a líder. “O noso idioma non pode estar prohibido”, protestou un profesor desde o público subliñando os efectos do decreto do plurilingüísmo, de 2010. Gran ovación. E Ana Pontón, que non quere abrazos coas eléctricas, tampouco vai transixir cunha norma que está matando a lingua. “Derogarémolo”

Con todos os partidos arrancando a carreira electoral, o Bloque tiña que espertar. Pontón resultou convincente, humilde e realista no seu discurso de país, e sinceramente convencida de que as expectativas do BNG tornaranse unha realidade, primeiro nas municipais e despois nas galegas. A presenza de grupos de mozas e mozos, un segmento que parecía afastado da política e do nacionalismo, tamén insuflou ánimos á militancia limiá. O Bloque está de volta... ou polo menos parece que quere.

Pontón, a preguntas das asistentes, abordou asuntos como a relación con Portugal e co portugués, as políticas públicas de saúde mental, ou como utilizar o sistema educativo para frear a emigración. Tamén, a espiñenta cuestión da declaración da comarca como zona vulnerábel á contaminación. Por aquí pasou sen meter bulla. 
 

NOTICIAS A LIMIA | Ana Pontón advirte ás eléctricas: “Se o BNG gaña, non me abrazaredes...