sábado. 20.04.2024

O Petardazo (o sábado 5 de febreiro), o Fareleiro (o día 6), o Meco (o 12), o Oleiro (13), o Sábado de Noite de Mulleres (19), o Corredoiro (20), o Sábado, o Domingo, o Luns e o Martes de Entroido, a Sardiña (o 2 de marzo) e a Piñata (o 6 de marzo). O ciclo do Entroido regresa á rúa despois dun 2021 de contención. O Entroido-en-covid, a festa celebrarase entre medidas de restrición, con máscara sanitaria e horarios limitados, con tanta prudencia como necesidade de diversión. "Temos que botalo fóra", di Suso Fariñas, da Asociación da Pantalla, e coloca as mans no peito. 

É martes da semana que comeza o Entroido. A curva da covid non termina de torcer. A xente só quita a máscara para tomar café nas poucas terrazas ao sol na praza. Desapareceu o tren Polar e na rúa San Roque andan a retirar as últimas luces do Nadal. Carlos Enríquez e Iván Prado non abren hoxe a xeadería. Están retirando decoración do local para prepararse para o sábado. "Vai saír bastante xente. Hai ganas. Mais estamos un pouco á expectativa. A ver como discorre todo. Será un entroido dos de aquí. Non pasa nada se non vén xente de fóra", di Carlos.

Carlos fai parte dunha charanga que este ano non participará na festa. "Cousas da covid e outras circunstancias", resume. As charangas terán horario limitado até as once da noite, e a Comisión e o Concello pediron que manteñan percorridos o máis lonxe posíbel do centro. A consigna é evitar as aglomeracións.

Carlos Enríquez e Iván Prado son, ademais, os autores do cartel deste ano. "Empezamos a elaboralo en novembro. Fixemos seis bosquexos e saíu este. Está sendo controvertido. Paréceme ben que así sexa", di Iván.

"A nosa idea era facer algo completamente diferente. Cambiar as cores que se viñan utilizando, ocre, oso roto, brancos... Por iso o verde. As cores volven á rúa. E mesmo cambiamos os motivos e a máscara da pantalla non aparece". Carlos e Iván, artistas, hostaleiros e entroiderios pousan co cartel e despois volven á tarefa. A prepararse para o Entroido 2022, o máis estraño das nosas vidas.

entroido 2019 Sonia Punta TacónSonia, no seu taller de Punta Tacón, na avenida de Madrid, co cartel do 2019.

Na súa tenda, Punta Tacón, na avenida de Madrid, Sonia empeza a recibir as primeiras encargas de cintos de pantalla. “Hoxe [martes] aínda estou cos primeiros. Teño pedidos sobre todo para cativos. Collín este negocio xusto o ano pasado. O ano pasado, claro, non fixemos nada. Espero que a cousa se normalice”, conta mentres ensina o seu taller, no piso superior, o coiro e as pezas para o remate, e as campás de diferentes tamaños. Un cinto de adulto pode saír ao redor dos cento e pico euros, depende da cantidade de campás. 

Para a foto, Sonia elixe o cartel do 2019. “O Entroido é unha festa de rúa e suponse que na rúa é onde hai menos problemas cos contaxios da covid. Espero que sexa unha festa tranquila, pero desexo que sexa unha festa. Vexo á xente con algo de medo. Pero necesitamos algo de alegría, non si?”.

entroido 2020 cartel 1 Suso FariñaSuso, na praza, co cartel do 2020, o último Entroido antes da pandemia.

"Temos que botalo fóra", di Suso Fariñas. “Ese sentimento”. Na Asociación da Pantalla levan anos recuperando máscaras e tradicións. Trouxeron de volta o Meco, os homes de palla, o aforcamento, o home do corno, a comitiva toda... O Meco será o protagonista o sábado 12. Ao día seguinte, a asociación tamén se encarga de “levar o ritmo” da festa do xogo das olas. “Esa é a nosa fin de semana, un entroido moi tradicional”.

“Esta primeira fin de semana do único que temos que ocuparnos os da asociación é de gozar da festa”, comenta Suso, que estará no Petardazo, este ano sen discursos oficiais nin chupinazo, e no Fareleiro, no que cada veciña levará a súa fariña porque desde o Concello de Xinzo non haberá reparto.

entroido 2022 reloxoO reloxo do Petardazo, aínda en reparación onte martes.

“Que entroido espero? A xente sairá, cada un co seu grupo. Haberá festa. Supoño que a relaxación das normas axudou á que a situación sexa tamén un pouco máis relaxada”. Para el, a semana previa está sendo “practicamente igual”. “Isto é unha maneira de vivir, e non mudou coa pandemia. Levamos todo o ano pensando no entroido”

Onte martes, pola tarde, o reloxo da conta atrás para o Petardazo na praza Carlos Casares aínda estaba sen poñer. A reparación do reloxo levou máis do previsto. Son cousas deste Entroido en medio da covid. A festa, en calquera caso, sempre estivo por riba das circunstancias, din en Xinzo.

NOTICIAS A LIMIA | Chega o Entroido-en-covid, a festa volve á rúa