sábado. 04.05.2024

O primeiro xoves de outubro, a media mañá, arredor da nave de selección e almacenamento de Patatas Conde no polígono de Xinzo, empresa familiar que leva 51 anos asentada na Limia, hai cola de tractores e remolques cargados até a chepa de patacas. Ese mesmo día, as cámaras de almacenamento na nave principal, xunto a N-525, a escasos quilómetros de Xinzo, están cheas. 


A central ten unha soa planta, na que se distribúen as pilas de caixas en columnas de case vinte metros, as máquinas de empaquetado atendidas por media ducia de operarias e operarios e as oficinas da administración nas que Diego Conde, o xerente, ten un pequeno despacho con fiestras ao resto da nave.


Entre finais de setembro e primeiros de outubro a colleita alcanza o pico na Limia. “Este ano andaremos entre 3 e 4 millóns de patacas. Estamos nun 15% menos de produción. O produto é máis escaso, si; mais a calidade sanitaria é excelente. Os prezos son altos, un 30% máis, aproximadamente. En Patatas Conde recibimos un 80% de kennebec e un 20% de agria duns 30 produtores da Limia. Nestas dúas plantas, a central e a do polígono, somos 17 traballadores. No 2009 abriuse unha planta en Fuentespreadas (Zamora) e no 2015, outra en Villar de Torre (A Rioxa)”, resume o xerente.

Cando lles toca, os tractores, marcha atrás, empurran os chepudos remolques até os cilindros das plataformas onde comeza a selección. A descarga é rápida.

Patatas Conde naceu cun almacén en Ourense en 1971. A finais dos oitenta asentouse en Xinzo. Na central, as cámaras teñen dispositivo de frío. No polígono, as cámaras, aínda maiores, refrixéranse “de xeito natural”, explica Diana Nogueiras, a responsábel de calidade, mentres sinala as enormes ventás de placas metálicas pechadas esta mañá na que aínda vai calor en Xinzo. “Establecementos uns parámetros de temperatura e humidade e programamos a apertura e o peche das ventás para a ventilación segundo conveña”, indica Diana.


Os agricultores esperan quenda mentres conversan á entrada do recinto. Cando lles toca, os tractores, marcha atrás, empurran os chepudos remolques até os cilindros das plataformas onde comeza a selección. A descarga é rápida. Dúas operarias removen as patacas nas cintas. De alí pasan a sacas de centos de quilos ou as caixas que recollen os vehículos elevadores para levar ás cámaras. Nuns meses, entre febreiro e marzo, as cámaras estarán baleiras.


“Recibimos o produto, seleccionamos, almacenamos e distribuímos. Ese é o noso negocio. Nós vendemos a pataca tal cal. Basicamente vendemos ao por maior, a industrias ou grandes distribuidoras de alimentación. Na industria é onde se elabora. En Xinzo, por exemplo, servimos a Jaly’s. E temos acordos con determinados supermercados para Galicia, mais tamén vendemos a través de espazos como MercaMadrid ou, directamente, desde a web”.

patatas conde (42) (FILEminimizer)
Diego Conde, xerente da empresa, na central de Patatas Conde en Xinzo.

“Estamos nun 15% menos de produción. O produto é máis escaso, si; mais a calidade sanitaria é excelente. Os prezos son altos, un 30% máis, aproximadamente”, explica Diego Conde.


Patatas Conde integrouse no Consello Regulador Pataca de Galicia a mediados dos noventa. A variedade  kennebec que recibe está amparada baixo a denominación. Tamén pertence á FEPEX (Federación Española de Asociaciones de Produtores Exportadores de Frutas, Hortalizas, Flores y Plantas Vivas) e á ASONAL (Asociación Nacional de Producción y Comercio de Frutos y Patatas).


Patatas Conde é unha das grandes envasadoras da Limia. Mais a clave, subliña Diana Nogueiras, está no produto. “E este ano podemos estar satisfeitos porque está sendo moi bo. Apréciase a simple vista. Polo tamaño. E no corte, pola cor uniforme e a textura”, conta mentres empuxa a porta dunha das cámaras frigoríficas na central que desprende un olor intenso e ácido. É a pataca da Limia limpa, clasificada e preparada para saltar ao mercado de fresco ou para a industria da pataca frita.

patatas conde (7) (FILEminimizer)
Diana Nogueiras, responsábel de calidade, no exterior da nave de Patatas Conde no polígono de Xinzo.

Patatas Conde é unha das grandes envasadoras da Limia. Mais a clave, subliña Diana Nogueiras, está no produto. “E este ano podemos estar satisfeitos porque está sendo moi bo”. 


Entre o verán e o inverno concéntrase a maior parte da actividade nas plantas. A partir da primavera a comercialización decae, aínda que Patatas Conde procúrase un certo stock mercando noutras zonas para seguir atendendo clientes. As plantas de Zamora e A Rioxa son réplicas algo máis pequenas, que funcionan fundamentalmente para os labores do almacenaxe. Na central, este primeiro xoves de outubro, polas cintas de empaquetado rodan sacos de 5 e 10 quilos, coa marca impresa no cartón. Hai 51 anos desde que José Luis Conde Bugueiro abrira o pequeno almacén moi preto da estación do tren, case a tiro de pedra do Miño.

NOTICIAS A LIMIA | Patatas Conde dá saída á produción de 30 agricultores da Limia