jueves. 18.04.2024

O conselleiro de Medio Rural, José González, participou esta semana na Mesa da Seca, convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na que reclamou ao Goberno central que o IVE sexa un custo elixible no programa nacional de modernización dos regadíos, no que está incluído o da comarca da Limia

González sinalou que, dada a situación xeneralizada de incremento de prezos que sofre toda a economía, é preciso ampliar o orzamento estatal destinado á modernización dos regadíos, sinaladamente o da Limia. Este orzamento canalízase a través de convenios entre as comunidades de regantes e a entidade pública estatal SEIASA. Ademais deste incremento, o conselleiro reclamou ao Goberno central que o IVE da modernización do regadío, que non é deducible para os regantes, sexa custo elixible a efectos de poder ser subvencionada con fondos europeos.

Neste senso, o conselleiro explicou que a repartición inicial dos gastos do convenio entre SEIASA e os regantes prevé que os estes últimos asuman o 20 % do custo de execución material, ao que hai que sumar o 100 % do IVE soportado nela. Considérao un gasto "totalmente inasumible" polas comunidades de regantes implicadas: a de San Salvador de Sabucedo, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia, polo que o feito de considerar o IVE como custo elixible suporía que se puidese subvencionar con fondos europeos, reducindo de forma substancial as aportacións dos regantes.

  

González insistiu en que é preciso incrementar os fondos asignados á modernización do regadío da Limia, que se adecúen ao custo real e se revise o esquema financeiro proposto, co fin de que sexa o menos gravoso posible para os regantes. Tamén trasladou que ese encarecemento pode chegar a lastrar a competitividade da industria agroalimentaria galega, ao supoñer un prexuízo para as comunidades de regantes e, ademais, para o consumidor final dos produtos.

O conselleiro puxo en valor o importante esforzo realizado na modernización dos regadíos da Limia, no marco do proxecto de construción de 40 pozos para a captación de augas subterráneas. Por iso, sinalou, é "fundamental" que a colaboración da Xunta sexa estendida a todas as administracións, co obxectivo de alcanzar unha actuación integral no territorio que supoña un verdadeiro beneficio económico e ambiental.

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta reclama que o IVE da modernización dos regadíos sexa...