martes. 08.10.2024

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, aproveitou a visita esta mañá do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, para solicitarlle unha nova intervención que permita mellorar o acceso ao interior e á parte superior da Torre da Pena. Esta medida, segundo o rexedor, será clave para continuar poñendo en valor o patrimonio da zona e crear un novo atractivo turístico que siga potenciando a comarca da Limia.

 

Durante a visita, o alcalde amosou o seu agradecemento polos traballos recentemente finalizados de limpeza e desbroce nos Castelos da Limia, entre eles o da Pena, para os que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 12.000 euros. Estas tarefas, levadas a cabo baixo control arqueolóxico, consistiron no desbroce da vexetación, eliminación de pequenos árbores e tocos, e a limpeza de restos silvícolas.

 

Amador Díaz insistiu na necesidade de seguir afondando nestas actuacións para mellorar o acceso á torre e permitir aos visitantes unha experiencia máis completa, tanto a nivel cultural como turístico. "O noso obxectivo é que a Torre da Pena se converta nun referente para aqueles que veñan coñecer o noso patrimonio e gocen da historia que alberga. Contar cun espazo ao que se poida acceder e explorar na súa totalidade incrementaría o interese por Xinzo e por toda a comarca", sinalou o rexedor.

Amador Díaz, Manuel Pardo, Antonio Fernández e Cristina Campero. | FOTO: Noelia Caseiro.
Amador Díaz, Manuel Pardo, Antonio Fernández e Cristina Campero. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

 

O delegado territorial, Manuel Pardo, recolleu a petición do alcalde e salientou a importancia de seguir traballando conxuntamente entre a Xunta de Galicia e os concellos para garantir a conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego, que é unha das principais sinais de identidade dun pobo e unha oportunidade de proxección exterior e desenvolvemento económico.

 

As actuacións actuais incluíron traballos na Torre do Castro (Sandiás), na Torre da Pena (Xinzo de Limia) e na Torre de Forxa (Porqueira), todas elas consideradas Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio cultural de Galicia, e cun importante valor histórico ligado á defensa da rexión entre os séculos XI e XII.

NOTICIAS XINZO | Amador Díaz solicita ás Administracións novas intervencións na Torre...