lunes. 07.10.2024

Entre botes de pintura, moito papel de xornal e máscaras. Así se atopan nestas últimas semanas Santiago Martínez e Aurora Dacal, do obradoiro de arte Arrebol de Xinzo, onde a esencia tradicional do Entroido segue moi viva. Coas súas mans traballan na elaboración das máscaras das pantallas, seguindo os antigos patróns que non desexan perder. "Estamos a tope", asegura entre risas Dacal, xa que a conta atrás está cada vez máis preto de chegar a cero.

 

Este proxecto, que naceu hai dous anos, ten un piar fundamental, os obradoiros que imparten para que os participantes vexan e aprendan como é o traballo artesanal da carauta máis importante do Entroido limiao. "O fin do noso obradoiro é que a xente coñeza a maneira tradicional de crear unha máscara, xa que nós elaborámolas como se fixo toda a vida. Cada un de nós debe poñer o seu gran de area para que estas tradicións se manteñan puras", destaca Dacal. O proceso de creación, para eles, segue a ser igual que hai décadas.

As máscaras precisan moitas horas de secado para completar a súa elaboración. | FOTO: Noelia Caseiro.
As máscaras precisan moitas horas de secado para completar a súa elaboración. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Os tempos cambiaron, pero en Arrebol todo segue como antes, mentres intentan sortear as dificultades. "O maior problema que temos é que agora os xornais usan un papel reciclado que non nos vale", conta Dacal. Pero foron previsores. Nas máscaras están empregando xornais de 2009 que tiñan gardados, ao mesmo tempo que buscan máis papel que sirva para o traballo. "Os montóns van baixando e xa estamos na procura doutras alternativas para non quedar sen el. Buscamos solucións para continuar coa tradición", explica.

Todo ese papel vano pegando co "engrumo", unha parte fundamental da elaboración. Esta pasta feita con auga e fariña é o que permite que cada máscara da pantalla colla forma. Por outra banda, a técnica que máis os distingue é o corte que fan cunha navalliña no sombreiro que serve de base, un traballo artesanal e laborioso que neste taller fan seguindo a tradición. "Só quedan dúas persoas que o saiban facer así. Santi é un deles e aprendeuna hai 40 anos", destaca Dacal. Ese corte foise perdendo e neste taller queren mantelo vivo, porque é o que dota de "maxia" a cada máscara.

Aurora e Santiago traballan man a man no seu taller. | FOTO: Noelia Caseiro.
Aurora e Santiago traballan man a man no seu taller. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Cando comezaron este proxecto de dar clases de como elaborar unha máscara de pantalla, non pensaron que houbese tanto descoñecemento. "A verdade é que a xente non sabe como se fai tradicionalmente e nós estamos moi orgullos de poder ensinalo", asegura Dacal. Nos seus obradoiros, os asistentes ven en primeira persoa o laborioso traballo necesarios para crear cada máscara e axuda a "poñelo en valor". "Chegan aquí onda nós e son conscientes de que facemos algo moi diferente do que noutros obradoiros se pode encontrar", sinala Dacal.

Nos seus talleres, os participantes adquiren coñecementos para que, a lo menos, poidan renovar as súas propias máscaras. "Poden durar toda a vida e ás veces, que sexan capaces de restauralas, é un gran paso. Nós algún día xa non estaremos aquí para facelas", apunta a artesá. A falta de relevo xeracional é outra das cuestións que lles preocupa, xa que a día de hoxe poucos o fan do xeito máis tradicional. "Moitos din que isto non importa, pero as tradicións hai que respetalas e mantelas o máis puras posibles e iso depende de nós. A súa esencia é moi fácil de perder", recoñece Dacal.

Carautas das pantallas listas para usar. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carautas das pantallas listas para usar. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Mentres os alumnos aprenden, Dacal e Martínez continúan a elaboración de máscaras para o Entroido, un traballo que require moito tempo. "Mínimo con unha podes botar 60 horas ao longo de varios días, xa que hai que agardar a que sequen cando se botan as mans de papel e logo tamén cando se pintan", explica a artesá. E todo ese esforzo, para eles, non está recoñecido polas administracións. "O Entroido só interesa na época do Entroido e, no noso caso, en Artesanía de Galicia nin se lle pon nome ao que facemos. Estamos na categoría de traxes rexionais", lamenta.

O tempo que poidan, Aurora e Santiago seguirán facendo as carautas da pantallas que "son para toda a vida". Xeracións de limiaos puxéronas e seguirán poñéndoas para manter viva a tradición, que pasa de pais a fillos. "O Entroido levámolo nas veas", resalta Dacal. Só queda agardar a que estes traballos artesanais, apegados á esencia desta festividade, atopen un relevo.

NOTICIAS XINZO | Arrebol, o taller onde as mans manteñen viva a esencia da pantalla