domingo. 28.04.2024

O novo plan promovido polo Concello de Xinzo de Limia para pór en valor o seu patrimonio material e inmaterial daba comezo esta fin de semana coa visita teatralizada á Torre da Pena; unha actividade para dar a coñecer a historia da senlleira torre da homenaxe na que participaron case 50 persoas.

Ó longo da visita, a asociación cultural Platea Lúa teatralizaba a historia da Torre da Pena, recreando protagonistas tan destacados coma Inés de Castro ou o Conde de Monterrei; persoeiros que debateron, con toques de humor, sobre a titularidade das propiedades da Pena á vez que percorrían a súa historia.

Coñecida tamén coma castelo da Porteliña, trátase dunha construción que forma parte do conxunto de fortificacións que protexían a liña fronteiriza na bisbarra da Limia co obxectivo de previr os ataques dos exércitos portugueses. Hoxe, está considerada coma Ben de Interese Cultural.

Con ista iniciativa, o Concello de Xinzo inicia o seu proxecto de posta en valor do patrimonio do municipio; con especial atención ás contornas naturais e ós feitos históricos que agochan construcións tan senlleiras como a Torre da Pena ou o Mosteiro de Trandeiras. 

O éxito da iniciativa animaba ó concelleiro de Promoción Económica, Emprendemento, Emprego, Participación Cidadá, Festexos e Xuventude, Ricardo Sieiro, quen sinala: "Estamos potenciando o patrimonio do noso concello e seguirémolo facendo. Esta foi tan só a primeira dunha serie de actividades que se irán realizando por todo o territorio limiá nos vindeiros meses".

NOTICIAS XINZO | Éxito de participación na visita teatralizada á Torre da Pena