martes. 10.12.2024

O grupo municipal socialista de Xinzo de Limia presenta unha iniciativa para demandar ao equipo de goberno de Axil e PP a “urxente pavimentación” dos cemiterios municipais, logo de constatar o desleixo do que son obxecto, que se ve agravado pola falta de persoal para o seu coidado e mantemento. Dous dos tres cemiterios cos que conta o Concello contan cun firme de terra, desigual e cheo de fochas, o cal provoca asolagamentos nos meses de chuvias e a proliferación de herbas nos durante o estío, dificultando e mesmo impedindo o acceso ás sepulturas, o cal se vería agravado polo feito que “os servizos de limpeza do Concello xa non dan abasto”.

Contamos con tres cemiterios na vila de Xinzo, a saber, o Vello, o Novo e o Novísimo, sendo este último o máis recente e o único que ten un pavimento de lousas, que permite a canalización e recollida de augas pluviais nos meses de chuvias e a súa axeitada limpeza o resto do ano”, explica a voceira socialista, Elvira Lama.Ao contrario, nos camposantos máis vellos o firme é de terra, que se sitúa na orixe de alagamentos en puntos concretos, que dificultan o acceso a algunhas sepulturas, como é o caso actualmente, e o medre de herbas cando o tempo é máis benévolo, ofrecendo todo o ano un aspecto sucio e descoidado”.  

Cemiterios Xinz

 

Competencia municipal

"A vindeira semana moitas familias que visitarán os cemiterios por Fieis Defuntos sufrirán das eivas dos nosos camposantos”, advirten os socialistas. É competencia exclusiva e propia dos concellos o mantemento e a prestación do servizo de cemiterios e actividades funerarias conforme ao artigo 25.2 da Lei de bases de réxime local. “Son moitas as persoas que visitan estes espazos a diario e máis cando se achega Fieis Defuntos, e son estas que demanda que o Concello, como titular destes espazos que ten a obriga de manter, os dote dun pavimento para acabar cos problemas referidos”, indica a voceira socialista.

A ex rexedora socialista consinte que este tipo de actuacións “precisan dun proxecto ben deseñado”, tanto polas diferencias entre camposantos, que foron construídos en diferentes épocas, como pola heteroxeneidade de tumbas e nichos. “Pedímoslle ao alcalde Amador Díaz e ao seu grupo de goberno que elabore á maior brevidade un proxecto de acondicionamento dos cemiterios Vello e Novo, que contemple a súa pavimentación, e que o Concello solicite as axudas pertinentes a outras administracións para a sufragar ou cofinanciar os custes derivados destas actuacións”, remata Lama. 

NOTICIAS XINZO | O PSdeG de Xinzo de Limia reclama a urxente pavimentación dos...