sábado. 24.05.2025

Evento

AXENDA | Un día de festa e tradición na 4ª Feira das Mozas de Xinzo

10/5/25 a 10/5/25
12:00 a 23:55
Xinzo de Limia
Ricardo Sieiro, Iván Prado, Amador Díaz, Jesús Fariñas e Carlos Gómez.
Ricardo Sieiro, Iván Prado, Amador Díaz, Jesús Fariñas e Carlos Gómez.

A Asociación Cultural “A Pantalla”, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, celebrará o vindeiro 10 de maio a 4ª edición da Feira das Mozas, un evento que naceu para recuperar a memoria das antigas feiras limiás e que xa se consolidou como unha cita ineludible no calendario cultural da vila.

 

Esta feira busca poñer en valor os saberes tradicionais da comarca mediante unha completa programación que inclúe xogos populares, música, baile e outras actividades pensadas para todas as idades.

 

Nesta edición, a música será un dos pratos fortes, coa participación de grupos como LirolaioTarde PiacheOs Ghalos d’Antioquia ou a A.C. Santaia de Oleiros. Como broche final, a xornada rematará cunha verbena a cargo de Música de Cecebre, ao máis puro estilo das festas dos anos 40.

 

Acompañando á programación musical celebrarase tamén o 3º Mercado de Artesanía, cunha ampla mostra de oficios tradicionais como a cestería, o traballo co liño ou a elaboración de corozas, consolidando esta feira como un espazo de difusión e aprendizaxe do noso patrimonio.

 

Especial atención terá nesta edición o público infantil, co espectáculo de Os Monifates, unha mostra de monicreques tradicionais con acompañamento musical en directo: zanfona, pifio, gaita e moitos máis instrumentos.

 

Cartel da 4º Edición da Feira das Mozas.
Cartel da 4º Edición da Feira das Mozas.

 

O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, destacou “o valor desta celebración que xa forma parte do calendario cultural da vila. A Feira das Mozas é unha oportunidade para recoñecer a nosa historia e para que Xinzo reviva ese espírito de feira como punto de encontro, música e tradición”.

 

Desde a A.C. A Pantalla, insístese na importancia de continuar creando tecido veciñal e fortalecendo o orgullo polas nosas raíces, convidando a toda a veciñanza a participar vestida como nos anos 50, época dourada das feiras limiás.