sábado. 17.05.2025

Evento

AXENDA | As cantigas na rúa homenaxearán ás pandereteiras no Día das Letras Galegas

16/5/25 a 16/5/25
11:30 a 14:00
Praza Maior, Xinzo de Limia.
Foliada das Letras.
Foliada das Letras.

O Concello de Xinzo de Limia celebrará este venres 16 de maio ás 11:30 h na Praza Maior a Foliada das Letras, un acto festivo e participativo que reunirá a comunidade educativa e a veciñanza arredor da música tradicional, coas pandereteiras como protagonistas.

A actividade está organizada polo Concello en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Lagoa de Antela e do IES Cidade de Antioquía, e forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación e divulgación do patrimonio oral galego, especialmente das cantigas populares da comarca.

Ao longo das últimas semanas, o alumnado implicado realizou un traballo de recollida e estudo de cancións transmitidas oralmente por xeracións, nun exercicio de memoria colectiva que se materializa estes días nunha acción cultural que mestura tradición, música e espazo público.

Como parte da iniciativa, instalouse un roteiro de cantigas por diferentes espazos da vila —cafetarías, librarías, comercios, edificios públicos— nos que se poden ler fragmentos de pezas tan recoñecibles como "Miña nai, miña naiciña", "Na ribeira do Miño" ou "Boas tardes, Maruxiña". Cada espazo participante leva asociado un fragmento e forma parte dun mapa interactivo dixital, accesible para quen queira seguir o percorrido.

Este proxecto colectivo e interxeracional busca dar visibilidade ao papel das pandereteiras e das mulleres na transmisión da poesía oral galega, homenaxeando a súa contribución á nosa cultura, precisamente no marco das Letras Galegas 2025.

Foliada das Letras será un acto aberto ao público, no que alumnado e veciñanza poderán compartir música, identidade e memoria, nun espazo común e vivo como é a Praza Maior de Xinzo.

Foliada das Letras.
Foliada das Letras.

 

 LOCAIS PARTICIPANTES E CANTIGAS TRADICIONAIS DAS LETRAS 2025

 

  1. Concello de Xinzo de Limia – Miña nai, miña naiciña

  2. Casa da Cultura – Ven bailar, Carmiña

  3. Piscina Climatizada de Xinzo – Ai Pepiño, adeus

  4. Café Miradoiro – Son de Xinzo

  5. Libraría Nobel – Paxariño

  6. Saraiba (libraría) – Carballeira de Perrelos

  7. Carlin – Se vas a San Martiño

  8. A de Torino – Na ribeira do Miño

  9. A Taberna da Trocha – Ié verdade, ié mentira

  10. Bar Lulo – O galo cando canta é día

  11. La Central Heladera – Heime de casar cun vello

  12. El Rincón de María – Polo río abaixo

  13. Bar Trisquel – Xota de Liñares

  14. A Arca da Noe – A Xironda

  15. Bar Monforte – Era o Pepiño da Veiga

  16. Casino – Círculo Antelano – Cantiga do entroido de Xinzo

  17. Lumecú – Pastorciños novos

  18. Cafetería Zeus – Entroido de Xinzo

  19. Óptica Lethes – Na beira de Sarreaus

  20. Cafetería A Lola – Cantar de Trandeiras

  21. Ferretería Gregorio – Cantiga Labor

  22. Bar Namora – O San Martiño de Ourense

  23. Praza de Abastos – (Boas tardes, Maruxiña)

  24. Concello de Sandiás – A Filomena

  25. Gran Café – Vivir en Os Blancos