lunes. 15.07.2024

Evento

AXENDA | Vilar de Santos coñecerá mañá o valor da súa toponimia

22/6/24
12:00
Museo do Limia, Vilar de Santos.
20240621 toponimízate Vilar de Santos_Museo do Limia

O Museo Etnográfico da Limia acollerá mañá a xornada "Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra"; unha iniciativa creada pola Real Academia Galega que busca implicar a persoas e institucións para avanzar na recolla e preservación da nosa microtoponimia.

 

A campaña chega agora a Vilar de Santos en forma de palestra para animar a toda a veciñanza da bisbarra a contribuíren coas súas achegas a preservar tan prezado patrimonio colectivo. Nomes de leiras, montes, fontes, penedos, regueiros... Calquera achega é benvida para completar o mapa que salvagarda a microtoponimia.

 

Vicente Feijóo, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, explicará o valor e importancia cultural dos nomes dos lugares que forman parte da paisaxe vital da veciñanza de Vilar de Santos. Unha oportunidade para coñecer a orixe e o significado dos nomes de parroquias e aldeas. Con el estará o académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. 

 

Ademais, explicará o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, o gran proxecto colectivo que leva recuperado máis de 78.000 microtopónimos galegos.