lunes. 14.09.2026

Evento

AXENDA | "Limia Vital" chega a Xinzo para fomentar o autocoidado e a autonomía das persoas maiores

15/9/26
17:00
Casa da Cultura de Xinzo de Limia

Aprender a organizar correctamente a medicación, reducir o risco de caídas no fogar ou saber interpretar as etiquetas dos alimentos son algúns dos aspectos que abordará "Limia Vital", un novo programa impulsado pola Asociación de Diabetes Auria e subvencionado polo Concello de Xinzo de Limia.

A iniciativa nace co obxectivo de favorecer o autocoidado, a autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas maiores, a través de actividades eminentemente prácticas e participativas.

Lonxe do formato tradicional de clase maxistral, os obradoiros partirán das situacións que os participantes viven habitualmente no seu día a día. Así, poderán traballar con exemplos reais relacionados coa organización dos medicamentos na casa, a prevención de accidentes domésticos ou a elección de produtos no supermercado.

As sesións terán unha duración aproximada de entre 60 e 90 minutos e desenvolveranse en grupos reducidos, cun máximo de 20 participantes, co propósito de facilitar a participación e o intercambio de experiencias.

A medicación, protagonista do primeiro obradoiro

O programa arrancará o 15 de setembro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, co obradoiro "A miña medicación baixo control: Seguridade e Orde", impartido polo farmacéutico comunitario Pablo García Vivanco.

A sesión estará centrada no coñecemento, uso e conservación adecuada dos tratamentos, así como na prevención de posibles complicacións e na mellora da comunicación entre pacientes, profesionais médicos e farmacéuticos.

Para facer o obradoiro máis práctico, as persoas participantes deberán levar a súa folla de medicación activa do SERGAS e, se o consideran oportuno, o seu neceser de tratamento, unicamente coas caixas dos medicamentos.

A segunda actividade terá lugar o 29 de setembro, tamén ás 17:00 horas, baixo o título "Pasos firmes, vida segura". Neste caso, a encargada de impartila será María Teresa López Rodríguez, profesional de INEF, monitora e instrutora deportiva.

O obradoiro estará orientado á prevención de caídas, traballando cuestións como o equilibrio, a forza muscular e a identificación dos posibles factores de risco existentes no propio fogar.

Máis actividades durante o mes de outubro

A cita continuará durante o mes de outubro con dous novos obradoiros.

O terceiro, "Coidado experto en lesións leves", será impartido pola enfermeira Marisa Ruiz Santiago e ofrecerá ferramentas para saber como actuar ante pequenas feridas, queimaduras, rascazos ou problemas como os xoanetes, prestando especial atención á prevención de complicacións en persoas con diabetes ou problemas circulatorios.

O cuarto obradoiro, "A lupa no súper: descifrando etiquetas", estará tamén a cargo de Marisa Ruiz Santiago, enfermeira e educadora en diabetes. Os participantes aprenderán de maneira práctica a interpretar as táboas nutricionais, detectar azucres ocultos e tomar decisións máis saudables á hora de facer a compra.

As actividades están abertas inicialmente na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, aínda que a organización contempla posteriormente levar o programa a outras asociacións e colectivos que estean interesados en acoller os obradoiros.

Actividades gratuítas con prazas limitadas

Todas as actividades de son gratuítas, aínda que é necesario realizar unha inscrición previa debido ao límite de 20 prazas por obradoiro.

O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 13 de setembro.

As reservas poden realizarse nos teléfonos 648 802 361 e 613 016 634, ou a través do correo electrónico asociacion@auriadiabeticos.com.

Con este programa, a Asociación de Diabetes Auria aposta por achegar coñecementos e ferramentas útiles á vida cotiá das persoas maiores, poñendo o foco non só na prevención, senón tamén en favorecer que poidan manter durante máis tempo a súa autonomía e seguridade no día a día.