domingo. 13.09.2026

O sector patateiro de Xinzo de Limia volveu exhibir o seu potencial e liderado durante a celebración dos Premios Nacionales de la Patata en Medina del Campo. O momento máis destacado da gala chegou co anuncio de Ana Belén Martínez como a Mellor Produtora do Ano. Este recoñecemento supón un fito para o municipio, xa que é o segundo ano consecutivo no que unha muller da Limia se alza con este prestixioso galardón de ámbito nacional, tras o éxito acadado por Antonia Calvo na edición anterior.

Francisco Paz entrega o galardón de Mellor Produtora do Ano a unha emocionada Ana Belén Martínez.
Francisco Paz entrega o galardón de Mellor Produtora do Ano a unha emocionada Ana Belén Martínez.

A delegación de Xinzo contou cunha nutrida representación tanto institucional como empresarial e cultural. O alcalde, Amador Díaz, xunto ao concelleiro Carlos Gómez, encabezaron unha comitiva que trasladou a esencia da vila a terras valisoletanas.

Amador Díaz entregando o premio especial a Portugal, país convidado nesta edición dos premios.
Amador Díaz entregando o premio especial a Portugal, país convidado nesta edición dos premios.

O acto tivo un especial sabor local cando o empresario limiá Francisco Paz subiu ao escenario para facerlle entrega do premio á propia Ana Belén Martínez. Así mesmo, o rexedor de Xinzo tivo un papel protagonista na cerimonia ao ser o encargado de outorgar o galardón dedicado a Portugal, o país convidado este ano.

A Banda de Gaitas de Xinzo puxo o toque cultural e a forza da nosa terra na gala celebrada en Medina del Campo.
A Banda de Gaitas de Xinzo puxo o toque cultural na gala celebrada en Medina del Campo.

A música tamén tivo ADN limiá grazas á intervención da Banda de Gaitas de Xinzo, que se encargou de amenizar un evento que congregou aos principais actores e profesionais da pataca en España. Con este novo premio, a comarca da Limia reafirma o peso indiscutible que as mulleres teñen na modernización e excelencia do sector primario, garantindo o relevo e a calidade dun produto que é o motor económico da zona.

Ana Belén Martínez, Mellor Produtora do Ano nos Premios Nacionales de la Patata