As asociacións de nais e pais do alumnado (ANPAs) da comarca da Limia veñen de unir forzas para visibilizar unha problemática que, segundo explican, levan tempo observando con preocupación: o acceso de menores de idade ás máquinas de apostas, tragamoedas e casas de xogo, sen o control debido por parte dos establecementos.
As familias alertan de que esta situación supón un risco grave para a saúde e o benestar da infancia e adolescencia, e lembran que a Lei 13/2011, do 27 de maio, de Regulación do Xogo, prohibe expresamente a participación de menores en calquera tipo de xogo de azar.
Nun comunicado conxunto, as ANPAs denuncian que en bares, cafeterías e locais de apostas da comarca non se están a cumprir estas restricións, o que consideran unha "grave irresponsabilidade”. Así mesmo, instan ás persoas responsables destes negocios a cumprir a legalidade e controlar as idades das persoas usuarias, ao tempo que solicitan a implicación das forzas de seguridade para facer valer a normativa.
As asociacións asinantes comprométense a seguir vixiantes para evitar que se repitan situacións nas que menores poidan acceder a este tipo de xogos.
As entidades implicadas nesta acción son:
-
ANPA Rosalía de Castro (Xinzo de Limia)
-
ANPA Carlos Casares (Xinzo de Limia)
-
ANPA Conservatorio (Xinzo de Limia)
-
ANPA CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga)
-
ANPA CEIP Plurilingüe dos Blancos
-
ANPA CEIP Sandiás
-
ANPA CEIP Sarreaus
-
ANPA IES Lagoa de Antela
-
ANPA CEIP de Baltar
