O sector prevé unha campaña mísera na Limia debido aos efectos da meteoroloxía

NOTICIAS A LIMIA | Unións Agrarias pídelle á Xunta medidas para compensar a mala colleita de cereal

Fincas totalmente asolagadas na zona de Rebordacha, no Concello de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a tomar medidas para compensar a ínfima colleita de cereal prevista para este ano na comarca da Limia. Tras un inverno no que os agricultores da zona apenas puideron sementar debido á meteoroloxía, a choiva está a impedir tamén a sementeira de primavera.

Sen posibilidade de acceder sequera ás parcelas, anegadas, o nivel de preocupación entre os agricultores dunha zona moi dependente deste cultivo é elevadísimo: tanto polas perdas económicas que a situación pode supoñerlles neste ano como polas repercusións no que ten que ver coa PAC e a posibilidade de cumprir cos requerimentos dos Eco-Reximes.

Unións Agrarias ve necesario que a Xunta de Galicia se implique para buscar solucións que palíen a nefasta campaña de cereal da comarca da Limia; motivo polo cal a organización xa ten solicitado unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural. As perdas previstas son elevadas e de gran importancia para unha zona que, alén da pataca, ten máis de 10.300 hectáreas dedicadas á plantación de cereais de gran, cultivos forraxeiros e leguminosas.

Medidas urxentes

A organización agraria considera indispensable que as administracións actúen e eviten a dobre penalización económica que suporía para os agricultores da Limia non poder acceder aos fondos vinculados ao cumprimento das directrices da Política Agraria Comunitaria. Tamén, solicita a aprobación dunha liña de axudas directas que permita compensar o desplome da produción provocado pola choiva nesta campaña.

As choivas diste ano manteñen as parcelas asolagadas, impedindo traballar nelas.

As condicións dos seguros agrarios existentes para cultivo de cereal fan que, na Limia, o nivel de cobertura sexa practicamente nulo. E é que, cunhas pólizas deseñadas de acordo aos rendementos medios de zonas de secano como Castela e que deben ser actualizadas con urxencia, os agricultores galegos desisten de recorrer a uns seguros que non lles aportan garantías, pois deixan fóra máis do 80% da súa produción.