sábado. 20.04.2024

O Touro de Trasmiras a carón da N-525 foi azul durante case dous meses. O Touro que unha acción poética fixo “desaparecer” no ceo da Limia a principios de maio volve ser negro e Toro oito semanas despois. 

A Fundación Osborne, encargada da preservación do patrimonio histórico da familia e que dispón dun equipo de operarios que se encarga da conservación destas estruturas en todo o Estado, completou hoxe os traballos de restauración do valado. 

Un grupo de artistas de rúa reivindicou a mediados de maio a autoría do repintado do Toro de cor azul coa intención de facelo “desaparecer” no contraste co ceo. O cambio de cor na estrutura metálica do valado foi asentando até que durante as últimas semanas o efecto da acción semellaba máis logrado.

Touro Osborne pintado de negro 2

A Garda Civil de Trasmiras abriu dilixencias o 10 de maio tras comprobar que o valado tiña sido pintado. Os axentes fixeron unha reportaxe fotográfica e preguntaron no Concello de Trasmiras se tiñan constancia dalgúns traballos de mantemento no valado. A Garda Civil non interpuxo denuncia ningunha porque non se coñece o autor material. Mentres a Fundación Osborne manifestou poucos días despois que se reservaba o dereito a calquera acción legal, mais indicaba que este tipo de circunstancias son habituais nos valados. 

“Nosotros vamos a proceder, como procedemos siempre, a restaurar al Toro de Osborne a su color original, el color negro. Queremos que el Toro se conserve como ha sido en estos últimos 65 años. Es una referencia del diseño español, que se conoce como un Toro negro y enorme, y seguirá siendo un Toro negro y enorme”, explicou Iván Llanza, director da Fundación Osborne, ao Diario do Limia o 27 de maio.

Agora, case dous meses despois daquel repitando, o Touro recupera a súa cor orixinal como imaxe dunha marca de bebidas alcohólicas pertencente á familia Osborne, tamén gandeiros de touros de lidia. 

Touro Osborne pintado de negro

NOTICIAS A LIMIA | Osborne repinta o Touro que volve ser negro