viernes. 26.04.2024

O documental "Viajetal" lanzou o seu primeiro capítulo gravado en Galicia, onde a gastronomía e a xente teñen moita importancia, e no que colaborou o CDR O Viso. O pasado mes de novembro, o seu equipo visitou varios puntos da comarca da Limia para falar coas persoas, en concreto Lodoselo (Sarreaus) e Laroá (Xinzo), e así sacar adiante este proxecto divulgativo que busca achegar ó público prácticas sociais asociadas á alimentación. Ademais, promoven iniciativas sociais e culturais que se encamiñan a un novo modelo alimentario centrado na sostibilidade e a saúde global.

Na procura de "sabores e saberes 100% locais", os impulsores desta iniciativa achegáronse ao CDR O Viso para coñecer a institucións que coidan a tradición e apostan por unha Galicia máis solidaria e sostible, poñendo especial interese no coñecemento das mulleres e do medio rural. No seu paso pola Limia entrevistaron a varias persoas maiores que falaron dende a súa experiencia e en Laroá desfrutaron dun magosto coa veciñanza.

Este primeiro capítulo xa está dispoñible en pódcast a través das plataformas Ivoox e Spotify. Dende o CDR O Viso agradecen ao equipo do proxecto "Viajetal" o traballo feito e o interesa amosado polo labor que fan no rural.

NOTICIAS A LIMIA | O Viso protagoniza o primeiro capítulo do documental "Viajetal"