lunes. 07.10.2024

O CDR O Viso participa no proxecto de "Transformación Dixital para o Desenvolvemento Integral no Medio Rural", impulsado pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER). Esta iniciativa está orientada a modernizar os servizos que ofrece O Viso, tanto a nivel interno, como de cara ao exterior. Entre os retos que asumen con este proxecto están a mellora da súa páxina web ou redes sociais, para que comunicación entre a veciñanza e o centro sexa más directa e persoal, coa meta de chegar a aquelas persoas que aínda non coñecen o seu labor na Limia.

Esta non é o única liña de actuación, xa que o proxecto tamén supón a implantación de novas tecnoloxías no coidados dos maiores. Un exemplo é o de Julio, un dos usuarios da súa vivenda comunitaria de Lodoselo, que nestes días está empregando un dispositivo de teleasistencia que é como un reloxo. Conta con sistemas de xeolocalización, avisos ante situacións de emerxencia como posibles caídas, ou controis médicos remotos, entre outros.

O CDR O Viso tamén se marca o obxectivo de rachar coa fenda dixital con este proxecto, tanto dos seus traballadores, colaboradores e voluntarios, coma da veciñanza da comarca, a través da organización e oferta de talleres formativos. Con estas propostas queren que a xente sexa capaz de levar a cabo xestións básicas coas diferentes Administracións, de comunicarse de forma dixital ou utilizar ordenadores para tarefas básicas que faciliten o día a día.

Dende o CDR O Viso consideran que este proxecto é de importancia para "non permitir que o rural quede atrás". Ademais, o proxecto de COCEDER está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con financiamento da Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.

Julio é o usuario que está probando o reloxo de teleasistencia.
Julio é o usuario que está probando o reloxo de teleasistencia.

NOTICIAS A LIMIA | O CDR O Viso participa nun proxecto de transformación dixital