Os datos reflicten un incremento notable na atención, nos recursos e na investigación oncolóxica

A Asociación Española Contra o Cancro afianza un ano de crecemento co apoio da sociedade ourensá

Germán Rodríguez-Saá, presidente de la AECC en Ourense, presentaba os resultados do 2024 agradecendo o esforzo dun equipo comprometido.

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense pechou o ano 2024 consolidando un período de importante crecemento na súa labor de apoio integral ás persoas afectadas polo cancro. Ourense planta cara ao cancro e así se desprende dos resultados anuais presentados pola entidade, que reflicten un aumento significativo na atención psicolóxica e social, un maior compromiso da sociedade ourensá e un impulso notable á investigación oncolóxica.

A entidade reforzou o seu apoio psicolóxico e social, chegando a un maior número de persoas afectadas polo cancro e ofrecendo máis recursos, tanto na atención individualizada para xestións esenciais como na axuda económica a familias e no investimento no Servizo de Axuda no Fogar. Un 2024 no que a AECC destinou máis de 50 000 euros ás familias, sen esquecer o amplo abano de actividades e obradoiros realizados abordando temas como a nutrición oncolóxica, a mobilidade, a relaxación e a saúde bucodental.

Os datos do 2024 consolidan o crecemento da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense.

 

A investigación, piar fundamental

Un dos fitos máis destacados de 2024 foi o incremento do investimento en proxectos de investigación oncolóxica, que superou os 109.000 euros. Este aumento reafirma a aposta da Asociación en Ourense pola ciencia como ferramenta fundamental para avanzar na prevención, diagnóstico e tratamento do cancro. "Estes resultados son froito do esforzo dun equipo comprometido e da confianza da sociedade ourensá", subliñou Germán Rodríguez-Saá, presidente da Asociación en Ourense. A entidade encara o 2025 co obxectivo de seguir ampliando o seu impacto e ofrecendo un apoio integral a quen o necesita na provincia.

 

Compromiso da sociedade ourensá

Un dos datos máis destacados neste 2024 é o considerable crecemento no compromiso da sociedade ourensá. A Asociación Española Contra o Cancro sumou máis socios e socias na provincia, acadando as 5597 persoas, e o voluntariado tamén experimentou un aumento considerable, mostrando a implicación da cidadanía na loita contra o cancro.

Teresa Quintana, Germán Rodríguez, Cristina Cid, Anabel Ortiz, Helena Aranburu y Maike Pazos presentaron a nova edición da Pasarela Solidaria de Allariz.

Esta solidariedade maniféstase en iniciativas como a Pasarela Solidaria de Allariz, que celebrará a súa segunda edición o vindeiro venres 9 de maio para recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense e visibilizar a importancia do apoio colectivo na loita contra a enfermidade. Germán Rodríguez-Saá agradeceu o compromiso da sociedade ourensá e destacou a importancia de eventos como a Pasarela de Allariz: "Estas iniciativas unen talento, esforzo e corazón, e son fundamentais para seguir avanzando na investigación, na prevención e no apoio ás persoas que loitan cada día contra o cancro".