viernes. 04.10.2024

José Luis Saburido (Trandeiras, Xinzo, 1966) é psicólogo e director do Centro de Información á Muller de Xinzo (CIM) desde 2004. Di que os recursos melloraron nestes case 18 anos, a atención empezou dependendo dun fondo social europeo e hoxe xa está institucionalizada na Xunta. “Iso aforra, sobre todo, papeis”. “Agora”, subliña, “hai concellería de Igualdade no concello e o Goberno central puxo en marcha un Pacto de Estado que, entre outras cousas, a Xinzo dálle a oportunidade de participar no programa VioGen, de seguimento e protección ás vítimas”.

Como foi cambiando a problemática que tratan?
Basicamente, agora recíbense máis denuncias por violencia de xénero. Durante estes anos a mentalidade da xente foi cambiando, tamén se coñecen máis os mecanismos de apoio ás vítimas, as campañas de sensibilización foron facendo efecto. O que non cambiou é que o CIM segue a atender a todas as mulleres que están en situación de vulnerabilidade. E o máis recente foi a extensión da atención psicolóxica ás fillas e fillos de vítimas de violencia de xénero.

O CIM desenvolveu durante estes anos diferentes programas europeos e estatais. Cal foi o último?
Pois este ano non teremos o de competencias clave, e non se fai porque queda pouca xente xa que o precise. Foi un programa relevante, no seu momento facilitamos todo o material e mesmo o material didáctico encargouse a unha academia. Preparamos aquí máis de 100 mulleres para o exame. Despois viñeron outros docentes a acollerse a este programa, Clara. Mais nós fomos os primeiros.

Cales son as prioridades do CIM?
Atendemos mulleres en situación de vulnerabilidade, polo tanto, o primeiro son as vítimas de violencia de xénero, despois están as maiores de 45 anos sen titulación, mulleres maiores, viúvas, familias monoparentais, de etnia xitana, inmigrantes, e as que contan con escasos recursos. Traballamos en coordinación coas traballadoras sociais do concello, e moitas veces os casos veñen desde aí. 

Como é a situación?
A crise, a pandemia... é como un xiro, todo se moveu de sitio. E como unha perda de seguridade. O que nos estamos a topar ultimamente é moita xente con síntomas de depresión e ansiedade. Moitos casos precisan medicación e iso é cousa dos centro de saúde. Nós, aquí, buscamos opcións. Intentamos ser un apoio constante. Incluso estamos vendo como aumentou o número de denuncias de violencia de xénero, que en moitos casos teñen que ver coa situación económica do fogar.

Fala de perda de seguridade. Ten que ver coa situación económica, ou con máis cousas?
A seguridade conductual ten que ver con moitas cousas. Ás veces, coa situación económica, coa dificultade para acceder ao mercado de traballo; outras, cunha baixa autoestima... Desde o centro intentamos paliar a situación impartindo cursos de autocoñecemento persoal e autoestima. En moitos casos o que máis importa é que salgan da casa, que amplíen o seu círculo de relacións.

Estamos diante dun problema de saúde pública na saúde mental?
Eu penso que deberiamos pensar en dotar a atención primaria e os hospital con máis especialistas en saúde mental, si. Agora incorporouse a figura da traballadora social, que é un pouco a mediadora entre os servizos sociais e o centro de saúde. Está funcionando. Vémolo cando nos xuntamos nas mesas de coordinación de todos os que traballamos coas vítimas.

Pero vostede di que o que fan falta son especialistas en saúde mental...
Fan falta. A figura do psicólogo clínico, por exemplo, que non existe na Atención Primaria. O que temos son psicólogos, coma min, neste CIM e nos servizos sociais... Falo de Xinzo. A maioría dos concellos non teñen. Atendemos xente de toda A Limia. Pero non chega. Se se fixa nas convocatorias do PIR [Psicólogo Interino Residente], apenas sacan prazas. A saúde mental é unha materia pendente na sanidade pública. Para a recuperación integral da paciente, a figura do psiquiatra é imprescindíbel, pero tamén son fundamentais os psicólogos e traballadores sociais.


As relacións sociais, tanto no ámbito urbano como no rural, racharon. A xente colleu medo e foise illando na casa. A xente facía o traballo da casa, sementou a súa horta pero apenas se comunicaba con ninguén. 


O problema de saúde mental afecta especialmente ás mulleres?
Afecta á poboación en xeral. É un problema xeneralizado e ten que ver co que pasou na pandemia. As relacións sociais, tanto no ámbito urbano como no rural, racharon. A xente colleu medo e foise illando na casa. Aquí no rural foi moi claro. A xente facía o traballo da casa, sementou a súa horta pero apenas se comunicaba con ninguén. E iso, nunha poboación avellentada. Houbo xente que pasou o confinamento soa, coas secuelas emocionais e psíquicas que iso deixa.

Saburido CIM (1)
Saburido, no seu despacho do CIM.

E non se está tratando...
Bastaría con facer un estudo a nivel de farmacias nesta comarca para coñecer, a través do consumo de ansiolíticos e antidepresivos, as dimensións do problema. Aquí, no CIM, temos a posibilidade de ofrecer apoio máis alá do farmacolóxico, que é necesario. E hai casos que nos chegan a través dos traballadores sociais do propio centro de saúde.

A muller que o estea pasando mal debería poñer a denuncia correspondente, e non se deixar influír por ninguén. Porque ao final é unha vida que recuperas.

Volvendo o ámbito rural, por que decidiu o CIM intervir aí?
Nos últimos anos vimos facendo campañas de concienciación nos centros de ensino, dirixíndonos directamente á poboación máis moza. Agora estamos tamén no rural, e non só porque hai unha violencia que se agocha moitas veces polo que dirán. Tamén porque hai moitas mulleres que necesitan axuda para saber como se fai unha simple declaración de herdeiros. Por circunstancias, traballei un ano no catastro e nas charlas que dou informo do que é e para o que serve. Tamén facemos fincapé en cuestións de seguridade cidadá ou de habilitación laboral. Son cousas nas que hai carencias de información. 

Por que se agocha esa violencia no rural?
Por que é un estigma, porque está mal visto, pero en xeral está mal visto que haxa conflitos, ir ao xulgado contra un veciño. Moitas veces o mellor acercamento consiste en dar información sobre todo o que di a lei sobre as sancións contra os maltratadores, deixar caer iso. 

As leis están axudando?
Si. E o programa de VioGen funciona. A muller que o estea pasando mal debería poñer a denuncia correspondente, e non se deixar influír por ninguén. Porque ao final é unha vida que recuperas.

ENTREVISTA | “A saúde mental é unha materia pendente na sanidade pública”