viernes. 04.10.2024

Coidados, conciliación e empobrecemento

DESPOIS DO 8 DE MARZO

Melanie ARIAS PUCCIO. Opinións

Como cada 8 de marzo as mulleres das comarcas de Monterrei e A Limia saímos á rúa para sinalar as responsabilidades dos gobernos no mantemento das desigualdades e precariedades que sufrimos, tanto no eido laboral como no eido dos coidados. Unhas mobilizacións que nos leven a reflexionar o longo do ano e nos fagan exixir medidas efectivas por parte dos gobernos.


Os dous anos de pandemia que levamos padecidos non foron suficientes para pór en valor os oficios relacionados cos coidados, realizados na maioría dos casos por mulleres. Nunca foi tan importante poñer en valor este tipo de traballos e a necesidade de que deixen de ser un negocio en mans de empresas privadas.


Tamén é preocupante a situación que sofren moitas mulleres contratadas directamente polas administracións públicas, que non desaproveitan a ocasión de colocarse o laciño morado cada 8 de marzo, mais despois permiten que moitas mulleres continúen a ter condicións de traballo precarias, con escasos recursos e con contratos temporais e a tempo parcial, ocasionando, se cabe, aínda mais, o empobrecemento das mulleres. 


Son moitos os casos de traballadoras, como por exemplo, as dos Servizos de Axuda a domicilio, que non saben canto van a cobrar a final de mes, xa que dependen das horas que lle sexan asignadas, que varían en función das necesidades do servizo.


Non é ningunha novidade que as mulleres levamos anos soportando as mais altas taxas de temporalidade, as mais altas taxas de parcialidade e as maiores taxas de desemprego, situación que se viu agravada durante a pandemia, xa que moitas víronse obrigadas a abandonar o mercado de traballo para dedicarse ao traballo dos coidados no fogar.


A conciliación segue sendo practicamente inexistente, o que forza, a que na maioría dos casos, as mulleres sexan as que acaben reducindo as súas xornadas e consecuentemente os seus salarios como única solución para acadar a conciliación da vida familiar e laboral; provocando un empobrecemento aínda maior do colectivo feminino. Esta situación e a fenda salarial entre o home e a muller provocan que as pensións de xubilación das mulleres sexan significativamente mais baixas cas dos homes.

Na maioría dos casos, as mulleres son as que acaban reducindo as súas xornadas e consecuentemente os seus salarios como única solución para acadar a conciliación da vida familiar e laboral.

As mulleres das comarcas de A Limia e Monterrei, sufrimos, desde hai anos as consecuencias da crise económica que se converteu en permanente, e se viu agravada pola crise da covid-19. É o momento de que as administracións se poñan a traballar para intentar recuperar o mercado laboral e que así poidamos ter, como dicía o lema da nosa VII asemblea “Vida e emprego digno para as nosas comarcas”.


Melanie Arias Puccio é Secretaria de Organización da CIG Verín-A Limia.

Coidados, conciliación e empobrecemento