miércoles. 06.11.2024

O equipo técnico de coordinación de Coceder, a entidade que agrupa aos centros de desenvolvemento rurais de 18 territorios en nove comunidades que levan adiante o programa Biocoidados, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, visitou onte o CDR O Viso e o grupo de traballo que coordina Javier Diz na Limia. "Foi unha visita para recoller a documentación técnica e económica xerada, coñecer detalles da intervención coas persoas beneficiarias, a estratexia de comunicación seguida, así como a correcta execución da normativa en protección de datos", explican fontes do Viso.


Foi un novo chanzo no despregue do programa, cunha xornada de traballo con cinco técnicas e técnicos de Coceder (Confederación de Centros de Desarrollo Rural): María Jesús, Aurora, Carmen, David, que viñeron desde a sede da entidade en Valladolid, e Aurelio, da Asociación Guayente no val de Benasque (Aragón).


O programa, Novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Fondos Europeos Next Generation, ten como reto "evitar espazos segregadores, unha cultura institucional que pode darse mesmo nos nosos centros, programas ou nos propios domicilios, coa perda de control e poder sobre a propia vida; e aposta por un modelo de apoios e coidados baseados en e coa contorna comunitaria da persoa e da familia", lembran desde O Viso.


A xornada de onte tamén serviu para revisar o estado de cada tarefa, "facendo especial fincapé no cumprimento de obxectivos (humanos e económicos) e nos previstos para o seguinte período". Ademais, valoráronse o plan de traballo, o rexistro das incidencias habidas até o momento, a análise das desviacións, e cales son as accións de mellora que se van a levar a cabo en base ás dificultades observadas, engaden as fontes.


Despois do traballo técnico, houbo unha visita rápida a algúns dos espazos en Lodoselo: o Centro de Inclusión (onde se celebrou un xantar), a vivenda comunitaria e o Centro multiusos na antiga casa reitoral. O equipo de Coceder continuou o seu percorrido cunha visita pola tarde ao CDR Portas Abertas na comarca de Verín.

NOTICIAS A LIMIA | O programa Biocoidados avanza coa visita do equipo de Coceder