jueves. 25.04.2024

O programa de Apoio para o Asentamento de Novas Persoas no Rural chega neste 2022 á súa quinta edición e quintuplica os fondos. Nese incremento de fondos radican as expectativas dos responsábeis do CDR O Viso de que, desta vez si, o programa consiga atraer un número de novas familias significativo para empezar a cumprir o obxectivo: repoboar o rural. Neste caso, A Limia.

Camilo Vila é o axente de dinamización que se encargará de coordinar o programa este ano. Explica a iniciativa ao Diario do Limia este martes pola mañá na sala de reunións das oficinas do Viso. Os catro anos anteriores, desde 2018 a 2021, o orzamento “foi tenue” e “algunhas familias quedaron; outras non quedaron de todo, mais manteñen vínculos; e outras terminaron marchando”.

Nese período, o programa conseguiu fixar 5 novas familias no rural limiao. Pero este ano as expectativas son máis ambiciosas. “A repoboación do rural fai parte dos obxectivos de desenvolvemento da Unión Europea. Os fondos incrementáronse e poderemos contratar especialistas para acompañar as familias, e neste punto está a gran diferencia, no acompañamento”.

Camilo Vila traballa estes días na fase de deseño e promoción da iniciativa. A primeira fase vén con parte do traballo adiantado: “trátase de sensibilizar á poboación local da necesidade de lle dar vida ao rural e para iso precisamos que se poñan vivendas en alugueiro e tamén negocios que por falta de relevo xeracional ou por outras razóns botaron o peche nos últimos anos”

Neste labor, Vila e o seu equipo, tamén en proceso de definición, contan con apoio das administracións locais. Sinaladamente en Sandiás, Sarreaus, Vilar de Santos e Vilar de Barrio, onde o CDR O Viso leva traballando anos. E necesitan de todas as demais, incluído Xinzo. Outras entidades sociocomunitarias e o CDR Portas Abertas de Vilardevós son tamén axentes activos nesta fase.

O seguinte paso é atopar familias dispostas a mudarse o rural limiao e empezar unha nova vida. “Nesta fase o traballo consistirá en casar a oferta de vivenda e posibilidades de emprego coas características de cada familia”, di Vila. O programa utilizará a plataforma en rede Volver al Pueblo para captar eses novos poboadores. “Familias sen vínculo co país, ou familias con ascendencia galega, ou estranxeiras, ou mesmo doutras partes de Galicia”.

A idea é que as familias estean o máis pronto posíbel en condicións de asumir os alugueiros de casas e locais” (Camilo Vila)

Despois de catro edicións anteriores, Camilo Vila cre que na terceira fase, na de acompañamento, debe estar a base do éxito do programa. “Non somos unha inmobiliaria nin unha axencia de emprego, non se trata só de conseguir vivenda e facilitar un traballo. Todo iso é imprescindíbel, por suposto: casa e traballo. Pero tamén está a necesidade de facer un seguimento, axudar na inserción laboral e educativa porque é preciso e é un proceso longo, e tamén na integración na comunidade. Son cousas igual de imprescindíbeis”.

Aldea de Tixós. Despoboamento. Rural.  (1)
Aldea de Tixós. 

Para o labor de acompañamento utilizaranse algunhas ferramentas xa existentes na oferta do Viso, como a orientación laboral ou a tramitación de axudas. “Para o asentamento inicial botaremos man dos recursos a disposición en todas as administracións, pero a idea é que as familias estean o máis pronto posíbel en condicións de asumir os alugueiros de casas e locais”, di Vila.

Na web Volver al Pueblo, da COCEDER (Confederación de Centros de Desarrollo Rural) da que fan parte O Viso e Portas Abertas, anúncianse estes días talleres para a integración laboral de residentes na Campiña de Jerez e na comarca asturiana de Piloña, ou cursos on line para Castilla-La Mancha e Canarias, entre outros. O obxectivo: frear o despoboamento do rural. 

“Non somos unha inmobiliaria nin unha axencia de emprego. Todo iso é imprescindíbel, por suposto: casa e traballo. Pero tamén está a necesidade de facer un seguimento” (Camilo Vila)

“A agonía demográfica ten unha serie de consecuencias que esta e outras iniciativas coma esta tentan paliar”, reflexionan desde O Viso nun comunicado para difundir o programa: “a emigración de mozas, o abandono do patrimonio, a perda de identidade, a falta de conservación do medio e a aparición de problemas ambientais, o illamento dos núcleos rurais...”.

O programa depende do financiamento do Ministerio de Derechos Sociales e Agenda 2030, a través da Secretaría de Estado de Derechos Sociales e da Secretaría para a Agenda 2030.
 

NOTICIAS A LIMIA | O Viso busca casas e traballos para atraer familias ao rural