Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e Miguel Viso visitaron a explotación gandeira Balín, no concello de Verea, onde coñeceron o traballo desenvolvido na cría de gando vacún da raza Limiá e puxeron en valor as axudas da Xunta de Galicia destinadas á conservación das razas autóctonas galegas.
Segundo explicou o PPdeG, estas achegas teñen como obxectivo apoiar as explotacións que apostan pola preservación do patrimonio xenético galego, contribuíndo á sustentabilidade e ao desenvolvemento do medio rural.
Os parlamentarios indicaron que a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 390.000 euros, dos que 350.000 eurosestán destinados ás explotacións de gando bovino e 40.000 euros ás de ovino e caprino. Ademais, sinalaron que cada explotación poderá recibir ata 15.000 euros, destinados á recría de femias e machos de razas autóctonas ameazadas.
Durante a visita, Cristina Campero afirmou que estas axudas constitúen "unha mostra do compromiso real e con feitos"da Xunta co sector gandeiro e coas persoas que traballan na conservación das razas autóctonas. Segundo manifestou, apoiar a recría destas razas supón investir en biodiversidade, sustentabilidade e oportunidades para o rural.
Pola súa banda, Miguel Viso asegurou que "a verdadeira defensa do rural faise con políticas útiles", defendendo que este tipo de recursos contribúen á remuda xeracional e á continuidade dun modelo produtivo vencellado ao territorio. O deputado tamén sostivo que a conservación das razas autóctonas representa un patrimonio xenético singular que achega valor engadido ás producións gandeiras galegas.
Segundo informou o PPdeG, durante o encontro tamén se abordou a situación actual do sector e os retos das explotacións dedicadas ás razas autóctonas. Os deputados sinalaron a importancia de seguir impulsando medidas orientadas á modernización das explotacións, á mellora da súa rendibilidade e ao relevo xeracional.
O PPdeG concluíu reiterando o compromiso da Xunta de Galicia co sector primario e defendeu a continuidade de políticas destinadas a reforzar a competitividade das explotacións e favorecer a fixación de poboación no medio rural.
