A Deputación de Ourense rexistrou este xoves cinco solicitudes á convocatoria estatal destinada á recuperación de danos en infraestruturas municipais e na rede viaria provincial, ao abeiro da declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil (ZAGEPC) polas inundacións e fenómenos meteorolóxicos adversos rexistrados entre o 10 de novembro de 2025 e o 9 de febreiro de 2026.
As actuacións, redactadas pola Área de Infraestruturas da Deputación, suman un investimento de 2.206.224,46 euros e están vinculadas aos episodios de fortes choivas rexistrados durante o pasado outono e o inicio deste ano.
Entre os proxectos presentados figura a reconstrución dun muro na OU-0504, no tramo A Casilla–Barra de Miño (Coles), cun orzamento de 68.674,19 euros, para estabilizar a marxe da estrada, reconstruír o firme e renovar a drenaxe.
Outra das actuacións contempla a limpeza de foxos e desaugadoiros na zona sur da provincia, cun investimento de 222.940,59 euros, que permitirá actuar en trece estradas provinciais dos concellos de Viana do Bolo, Vilardevós, Monterrei, Sarreaus, Baltar, Calvos de Randín, Muíños, Lobios e Entrimo, onde a acumulación de sedimentos e arrastres incrementou o risco para a seguridade viaria.
A Deputación tamén solicita financiamento para a construción dun novo muro de escolleira na OU-0504, cun importe de 220.558,91 euros, destinado a estabilizar un tramo afectado polo desprazamento do terraplén.
A actuación de maior contía corresponde ao reforzo do firme en estradas provinciais, cun orzamento de 1.648.760,36 euros, distribuído en catro lotes territoriais. Os traballos permitirán reparar a capa de rodaxe de trece estradas situadas nos concellos de Xunqueira de Espadanedo, San Cibrao de Viñas, Barbadás, A Merca, Celanova, A Pobra de Trives, Cartelle, Leiro, Coles, Sandiás e Vilar de Barrio, afectados por baches, brandóns e descarnaduras.
A quinta solicitude corresponde á construción dun muro de contención na OU-0306, entre San Cristovo e Leiro, no concello de Carballeda de Avia, cun investimento de 45.290,41 euros, para estabilizar a plataforma da vía, reconstruír o firme e repoñer a sinalización.
Segundo explica a Deputación, estas actuacións acóllense ao réxime de subvencións aprobado polo Consello de Ministros o 10 de febreiro de 2026, que permite financiar ata o 50 % do custo das obras. As solicitudes quedan agora pendentes da súa tramitación pola Subdelegación do Goberno en Ourense.
Ademais destas actuacións, a Deputación de Ourense informou de que xa concluíu os traballos de retirada de entullo na Bouza, en Viana do Bolo, e trasladou o operativo á localidade de Pixeiros, outra das zonas máis afectadas polas riadas de xuño.
O dispositivo, formado por unha retroescavadora e tres camións de gran tonelaxe, continúa cos labores de limpeza e acondicionamento do terreo. As previsións dos técnicos provinciais apuntan a que os traballos nesta nova localización quedarán rematados o vindeiro martes.
