viernes. 24.07.2026

Grupo Provincial Socialista conseguiu sacar adiante no pleno da Deputación de Ourense unha moción para impulsar un plan específico de apoio aos concellos na xestión de edificacións en estado de ruína, abandono ou risco de derrube. A iniciativa foi aprobada por unanimidade, aínda que nos puntos relativos á ampliación dos recursos e á asistencia técnica o PP optou pola abstención, permitindo igualmente a súa aprobación co voto favorable do resto da corporación.

Entre os acordos figura o compromiso de incrementar a dotación do Plan Provincial de Vivenda ata os 1,5 millóns de euros, así como incorporar asistencia técnica especializada para apoiar aos municipios na investigación, identificación e regularización da situación xurídica, rexistral e catastral deste tipo de inmobles.

Segundo expuxo a deputada provincial socialista Eva Pérez Gamote, a iniciativa busca ofrecer ferramentas aos concellos para afrontar un problema que, segundo sinalou, vai máis aló do urbanismo e afecta á seguridade pública, á salubridade e á capacidade das administracións locais para actuar.

A deputada indicou que numerosos municipios deben intervir cando existen desprendementos, cubertas en risco de colapso ou vivendas abandonadas que ameazan inmobles lindeiros, especialmente nos casos nos que non é posible localizar ou identificar ás persoas propietarias, existen herdanzas sen formalizar ou comunidades hereditarias sen representante.

Lei do Solo de Galicia atribúe ás persoas propietarias a obriga de conservar os inmobles. Porén, segundo expón a moción, cando esa responsabilidade non pode ser exercida, os concellos deben recorrer á execución subsidiaria, asumindo actuacións que en moitos casos superan a súa capacidade económica, técnica e administrativa.

Durante o debate, Eva Pérez Gamote afirmou que "non pedimos que a Deputación substitúa aos concellos. Pedimos que os acompañe, que lles dea ferramentas e que ningún concello teña que afrontar só unha actuación urxente cando está en xogo a seguridade das persoas".

O texto aprobado tamén recolle a necesidade de que a Xunta de Galicia impulse un plan galego con financiamento estable para os concellos e promova cambios normativos que permitan axilizar a tramitación destes expedientes. Ademais, o Grupo Provincial Socialista propón crear un Banco Galego de Edificacións en Estado de Ruína ou Abandono, co obxectivo de facilitar a identificación, recuperación e posta en valor destes inmobles.

A asistencia técnica prevista prestará apoio aos municipios na identificación da titularidade das propiedades, especialmente cando as persoas propietarias sexan descoñecidas, falecidas ou non localizables, así como na tramitación dos expedientes administrativos necesarios.

Segundo defendeu a deputada socialista, o acordo aprobado pretende converterse no primeiro paso cara a unha resposta provincial estable fronte a un problema que, segundo sinalou, se agrava cada ano debido ao abandono do rural, o envellecemento da poboación e o deterioro progresivo de numerosos inmobles.

O socialistas logran o apoio da Deputación para reforzar a xestión das casas en ruína...