O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, mantivo este mediodía unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, e co rexedor municipal de Os Blancos, José Manuel Castro, co obxectivo de reforzar a coordinación institucional na loita contra os incendios forestais.
Durante o encontro, ambas partes avanzaron na colaboración entre a Xunta e os dous concellos da comarca da Limia en materia de prevención e defensa do monte, facendo especial fincapé na contribución das administracións municipais aos labores preventivos, tanto na planificación como na execución de actuacións sobre o territorio.
Os representantes autonómicos e locais coincidiron en subliñar a importancia da cooperación entre administracións como ferramenta clave para protexer ás persoas, os seus bens e a riqueza forestal, especialmente en épocas de maior risco.
No marco desta liña de traballo tamén se avaliou a relevancia de iniciativas como o convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, desenvolvido pola Consellería do Medio Rural en colaboración con Seaga, que ten como finalidade apoiar aos municipios e aos titulares dos terreos no cumprimento das obrigas normativas relativas á limpeza e mantemento das franxas de protección próximas ás vivendas.
Este instrumento facilita as tarefas de desbroce e retirada de vexetación nas zonas máis sensibles, co propósito de reducir a carga combustible e mellorar a seguridade fronte aos lumes forestais.
