jueves. 25.04.2024

A Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural, da que fai parte o CDR O Viso, está a traballar nun novo modelo de atención e apoio comunitarios no ámbito dos coidados. “Estamos na fase de desenvolver unha metodoloxía co horizonte de crear un modelo para desinstitucionalizar os coidados no rural”, explica Javier Diz Casal, psicólogo, coordinador de investigación e innovación social no CDR O Viso


“Que quere dicir desinstitucionalizar? Pois no caso das persoas maiores ás que atendemos no Viso, que poidan manterse no seu fogar, e como non sempre é posíbel, adaptar todos eses elementos, como os centros de día ou residencias e as normas de convivencia ao que se supón que desexan esas persoas, o que queren e esperan”, di o psicólogo. “Por exemplo, para que se lles pregunte se queren café antes de llo servir, e non que se sirva sen máis”


A metodoloxía ofrecerá as primeiras ferramentas (observación participante, historias de vida) para saber o que as persoas queren e esperan atopar na etapa que precisen coidados. “Centrarémonos no que a persoa ten que dicir, o que desexou e desexa na súa vida”, comenta Javier Diz. Traballarán con 60 persoas, mulleres e homes. Escoitaranas. 

E a continuación porán en marcha os cambios suxeridos a modo de experiencia piloto na atención a esas persoas. A achega cualitativa abrirá o camiño a uns resultados cuantitativos. Porque o que necesitan é dicirlle ao lexislador como ten que lexislar sobre a institucionaliazación (e a prevención da institucionalización) no medio rural. 


O proxecto denomínase Biocuidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais. E está recollido no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais. O financiamento vén dos fondos europeos Next Generation.


Está a levarse a cabo desde xaneiro do 2022 até decembro de 2024 a través dos Centros de Desenvolvemento Rural, entre eles O Viso e Portas Abertas, en Vilardevós. O obxectivo é a implantación dun novo modelo de coidados no rural, no que a experiencia dos CDR xa foi avanzando. 


“Non se trata só nun cambio das prácticas na atención, é un cambio de conciencia social o que se busca”, afirma Javier Diz. E, no caso do rural, aproveitando ese ecosistema que xera a comunidade rural, onde non hai segmentacións entre os colectivos da poboación. 

A investigación desenvólvese en nove comunidades autónomas e en 18 localizacións con distintos colectivos como a infancia e a adolescencia en risco de exclusión, as persoas maiores e as persoas con diversidade funcional. 


É posible levar a cabo infinidade de proxectos de vida diferentes, potenciando a autonomía persoal, nestas contornas nos que certamente temos a moita xente maior, aseguran desde O Viso nun comunicado de presentación do proxecto, no que informan ademais que a investigación desenvólvese en nove comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, a Comunidade Valenciana, Estremadura e Galicia) e en 18 localizacións con distintos colectivos como a infancia e a adolescencia en risco de exclusión, as persoas maiores e as persoas con diversidade funcional. 


“Esperamos contribuír ao desenvolvemento de novas políticas públicas para a prevención da institucionalización, o fomento da  desinstitucionalización e mellorar o modelo de atención e desenvolvemento de servizos de apoio comunitarios no ámbito dos coidados”, reitera o comunicado. Nuns meses, despois do verán, os cambios empezarán a introducirse no día a día do Viso. En dous anos, as conclusións estarán sobre a mesa e determinarán futuras liñas de traballo.
 

NOTICIAS A LIMIA | O Viso participa nun proxecto para “desinstitucionalizar” os...